Entrevista a Mónica Fernández, sumiller galega afincada en Madrid, que este ano foi premiada como a mellor sumiller do mundo por parte da Academia Internacional de Gastronomía. Este martes recolle o premio “Muller e Viño” da DO Ribeiro.

Para Mónica Fernández Núñez o 2017 será un ano para lembrar. A prestixiosa sumiller galega recibe este martes o premio “Muller e Viño” que outorga o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro.
Afincada en Madrid pero apaixonada da súa terra natal, este ano tamén foi recoñecida como a mellor catadora do mundo por parte da Academia Internacional de Gastronomía, un galardón que se suma ao Premio Nacional de Gastronomía 2015 á mellor directora de sala.
Actualmente Mónica Fernández compaxina a súa intensa actividade en Madrid como directora de sala no grupo de restaurantes 99 Sushi Bar coas súas frecuentes visitas á súa Quiroga natal. E é que o orgullo das súas raíces, e tamén dos viños galegos, son a súa mellor carta de presentación a nivel internacional.
Como chegaches ao mundo do viño e dos sumillleres desde a túa Quiroga natal?
Son de Orxais, unha aldea de Quiroga, e cando era moza quería ver mundo e buscar traballo fóra da gandería dos meus pais e foi así como con 20 anos marchei a Madrid.
Sempre me gustou o trato co público e como non tiña formación profesional empecei a traballar en hostalería e deime conta de que realmente me gustaba e era a miña vocación. Foi así como empecei a formarme e me graduei como Catador e Maître pola Cámara de Comercio de Madrid. Empecei dirixindo un pequeno restaurante madrileño e na actualidade son a directora de sala e sumiller do Grupo Bambú, onde me encargo da formación e supervisión dos equipos de sala en todos os locais, así como o deseño das cartas de viños.
Que supón para ti o Prix au Sommelier 2017 da Academia Internacional de Gastronomía como mellor sumiller do mundo?
Non teño palabras para explicalo. Non traballo para os premios, senón para ofrecer o mellor na miña profesión e poder sentirme satisfeita cando finalizo o meu traballo. Non podo dicir máis que estou contenta e feliz e orgullosa da empresa e de todo o equipo co que traballo. No Grupo Bambú ofrécenme todas as facilidades e iso non é común atopalo.
¿Cales son os teus sumilleres de referencia?
O meu referente e un dos profesores que máis me marcou profesionalmente é Custodio Zamarra. Tamén destacaría a Gemma Vela, que dirixe o Ritz de Madrid e que como amiga animoume moito no día a día.
As claves dun bo catador creo que son a formación continua, viaxar e actualizarte continuamente. En canto á relación cos nosos clientes, cando lle suxires un viño penso que tes que ser sincera e sinxela no teu traballo, e darlles a túa opinión con honestidade.
“Impresiónanme os viños do Ribeiro pola súa evolución e os da Ribeira Sacra pola recuperación da viticultura”
E por suposto ter vocación, e así como outras mulleres poden ter outras afeccións, a min gústame probar e valorar viños.
O premio “Muller e Viño” da Denominación de Orixe Ribeiro, ¿Confirma que es profeta na túa terra?
A Denominación de Orixe Ribeiro é unha DO á que defendo e pola que traballo. Teño moitas ganas de que se recoñeza o valor dos viños galegos e tamén de volver algún día a Galicia.
Como definirías un viño excelente?
Sería moi difícil porque podemos cualificar a un viño de excelente dentro dunha categoría e en función do prezo que se paga por el. Creo que hai que valorar a un viño dentro destes dous parámetros.
Así, nestes momentos temos viños galegos excelentes por 6 ou 7 euros e creo que o mellor aínda está por chegar.
Cales son os viños de Galicia que máis che sorprenderon?
Quizais os das denominacións de orixe Ribeiro e Ribeira Sacra son os que máis me impresionaron pola evolución que experimentaron, o que non significa que haxa viños expectaculares nas outras DO galegas.
Pero impresióname o traballo de recuperación dos viñedos na Ribeira Sacra que, debido ás dificultades da zona e á aposta por variedades autóctonas, quizais sexa un dos logros máis sorprendentes en viticultura en España nas últimas décadas.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta