Medio Ambiente saca dúas liñas de axudas para subvencionar as medidas de colocación de valados fixos e a contratación de persoas coidadoras de gando

A Consellería de Medio Ambiente sacou dúas liñas de axudas para subvencionar as medidas preventivas contra o lobo. Unha delas é para os custos derivados da instalación de valados fixos como medida de prevención dos danos. A outra é para a contratación de persoas coidadoras do gando, tamén como medida preventiva ante o lobo.
Instalación de valados
Nas axudas de instalación de valados fixos, subvenciónase a adquisición e a incorporación dos valados que se instalen. Poderanse acoller ás axudas as persoas titulares da explotación gandeira do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino de raza celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.
No caso dos valados fixos electrificados, subvencionarase un cercado por cada rabaño de entre 15 e 30 reses de gando menor ou de entre 5 e 10 reses de gando maior, e un máximo de 2 cercados por explotación cando se supere o número de ditas reses. O importe máximo da axuda será de 3,5 euros por metro lineal, ata un máximo de 1.750 € por valado, IVE excluído.
No caso dos valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica, subvencionarase un cercado por cada rabaño de entre 25 e 50 reses de gando menor ou entre 10 e 20 reses de gando maior, e un máximo de 2 cercados por explotación cando se supere o número das ditas reses. O importe máximo da axuda será de 4,5 euros por metro lineal, ata un máximo de 4.500 € por valado, IVE excluído.
O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). Debe tramitarse de xeito electrónico. Conta cunha contía de 500.000 euros.
Nas axudas para a contratación de persoas coidadoras subvencionarase o investimento para a contratación de dito persoal, como elemento preventivo dos danos que poida ocasionar o lobo. Como requisito, o pastoreo exercerase sobre as reses da explotación gandeira e nos terreos destinados ao pastoreo do gando da persoa beneficiaria. Poderán acollerse a estas axudas, na primeira liña, os contratos en vigor a partir do 1 de xaneiro do 2024 ata o 30 de novembro de 2024; a segunda liña destínase para o mantemento, desde o 1 de xullo de 2024 ata o 30 de novembro de 2024, do posto de traballo indefinido creado ao abeiro das liñas de axudas do ano 2023. Tamén será obxecto de axuda a actividade de pastoreo que se realice a xornada completa (40 horas semanais), con redución proporcional no caso de xornadas inferiores.
A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables e fíxase un importe máximo de 18.000 euros de axuda por persoa beneficiaria. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa. Nos casos dunha duración inferior ao mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación, cun límite de 9 €/hora efectivamente traballada.
O prazo de presentación da solicitude tamén será dun mes a partir de que se publique no DOG. Esta liña de axudas conta cun importe total de 400.000 euros.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta