PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Reducíronse as vendas de antibióticos para bovinos nun 24,5 % o que diminúe as resistencias aos antimicrobianos

Nas ganderías e tamén na vida diaria dos humanos, os pequenos xestos diarios permiten reducir a resistencia aos antimicrobianos, que no futuro serán a primeira causa de mortalidade

A resistencia a antibióticos será a primeira causa de morte en 2050? A isto respondeu contundente a veterinaria do Centro de Investigacións de Mabegondo (CIAM), Verónica Gómez: “Todo apunta a que si”. Segundo expuxo, entre 2025 e 2050 morrerán 39 millóns de persoas debido a isto e no 2050 entre os países máis afectados por esta problemática estará España.

Así, tendo en conta que é un problema que afecta á saúde humana e animal, Gómez fixo un repaso pola evolución do uso de antibióticos nos animais. Antes do 2006, as granxas dispuñan de “farmacias ambulantes”, o que supoñía para os propietarios ter a man todo tipo de medicamentos en calquera momento e empregalos, mesmo, para o engorde dos animais. Porén, dende ese ano prohibiuse o uso de medicamentos para tal fin. Posteriormente e segundo a Axencia Europea do Medicamento, no 2014 España lideraba a táboa de uso de medicamentos veterinarios, “por desgracia”, e por iso diferentes organizacións internacionais instaron aos estados europeos a “pórse as pilas”.

En España, a través do Ministerio de Agricultura, comezaron a facer vixilancia grazas aos Servizos Veterinarios Oficiais das Comunidades Autónomas, e, posteriormente, xa se activou o Plan Nacional de Resistencia a Antibióticos Nacional (PRAN), “no que se xunta a saúde humana e veterinaria”. No 2019, incorporáronse a esta redución os animais bovinos. “Fíxose un estudo e viuse unha redución de vendas de antibióticos para bovinos dun 24,5 %, o que leva a un menor consumo e polo tanto menos resistencias”.

PUBLICIDADE

Como xestionar os antibióticos nas granxas
Gómez ten claro que hai “pequenos xestos” que se poden facer nas labores diarias que permitirán unha redución das resistencias, pero o primeiro “e máis importante é traballar man a man co persoal veterinario”. Para iso, mencionou o Real Decreto 364/2023 no que se fala dun Plan Sanitario Integral e da figura do veterinario de explotación, “a través do que se fixan os criterios mínimos de hixiene”.

A través dos informes de PRESVET, unha gandería pode saber se o seu consumo de antibióticos está por encima ou por debaixo da media nacional

Entre os aspectos a ter en conta está a desinfección constante, contar co libro de tratamentos ou xestionar ben o tema de cadáveres e animais enfermos. “Hai pequenos xestos tan simples que poden evitar resistencias como pode ser o cambio de xiringa cando se están a tratar os animais”.

“É necesario que todo o sector gandeiro e veterinario estea concienciado sobre a importancia que ten este problema. A saúde animal é moi importante porque se relaciona coa humana e o medio ambiente”, destaca a profesional.

PUBLICIDADE

Presvet, a ferramenta de control de antibióticos
Con este contexto, é preciso vixiar o uso de antibióticos das granxas. Por iso, Antonio Montenegro, da subdirección xeral de Gandería, describiu as bases de PRESVET, o Sistema Informático Central de Control de Prescricións Veterinarias de Antibióticos. “A través dos informes que se poden observar nesta aplicación, tanto veterinarios coma gandeiros poden saber como vai o consumo de antibióticos da gandería e se están por encima ou por debaixo da media nacional”.

Un gandeiro titular pode rexistrarse neste sistema. Unha vez que se accede, a través do código REGA pódense coñecer as prescricións que fixeron os veterinarios e estudar o consumo de antibióticos. “É importante coñecer estes datos porque aí é onde se ve se temos que facer algún control. Non se trata de prohibir usar antibióticos, hai que empregalos cando son precisos, pero non para tapar as deficiencias hixiénico-sanitarias”, destaca o profesional.

Aínda se detectan no leite antibióticos que están prohibidos nas vacas en lactación

PUBLICIDADE

Dentro deste sistema, pódense observar cadros de evolución por trimestres e tamén se valoran por tipo de familias de antibióticos: “Hai algúns que se poden empregar como primeira opción e outros que son o último recurso”. A clasificación manexan é:

  • Categoría D: uso con prudencia en todos os animais. Primeira opción.
  • Categoría C: uso con cautela en todos animais. Segunda opción. Sempre que non haxa na D efectivos (animais de difícil manexo).
  • Categoría B: uso restrinxido. Terceira opción. Sempre que non haxa categorías anteriores efectivos (interpretación técnica etiolóxica e sensibilidade recente).
  • Categoría A: uso non permitido en animais produtores de alimentos.

O consumo calcúlase pola cantidade total de antibiótico usado en proporción a unha unidade de masa. “Se nunha granxa hai moito consumo dos B, farase unha vixilancia”.

Para finalizar a súa explicación, puxo de manifesto exemplos que viu “nestes anos de experiencia” nas granxas de leite. O primeiro, que aínda se detectaron no leite antibióticos que están prohibidos nas vacas en lactación, como poden ser o florfenicol ou a doxicilina. “Cada día detectamos inhibidores no leite porque non se cumpriu co período de supresión”, indicou. Sempre recomendan deixar máis días dos indicados para que non aparezan nos test. “Os períodos de supresión están calculados para cumprir cos límites de residuos establecidos no leite, pero os test que se empregan detecta se hai antibióticos, aínda que sexa en pouca cantidade”.

Outro problema que detectaron foron as invermectinas no leite e os medicamentos de uso humano non autorizados en animais produtores de alimentos. “Usar medicamentos humanos en veterinaria só é posible con prescrición excepcional”, resaltou.

Como afectará á saúde humana?

xornada arzua veronica ciam
A resistencia aos antibióticos, como xa se mencionou, é un problema que tamén afecta á saúde humana e que será a principal causa de mortalidade nos vindeiros anos. Hai baterías resistentes para humanos e animais e ambas son capaces de pasarse información, “polo que ao final haberá resistencias a case tódolos antibióticos”, puntualiza Verónica Gómez.

As causas nos humanos son similares ás dos animais. Primeiro, “os humanos facemos un mal uso dos antibióticos”. Logo, outro problema son os hospitais, “unha bomba de reloxería”. Tamén as farmacéuticas levan máis de 30 anos sen descubrir ningún antibiótico e “sen investigar, xa que non lles compensa porque acabará aparecendo unha resistencia”. Outros dous factores importantes que inflúen son o cambio climático, “ante o que non podemos cerrar os ollos”, e a globalización, “xa que unha bacteria pode percorrer o mundo en menos de 24 horas”.

Ante isto, a profesional recomenda ser estritos coas doses dos antibióticos, vacinarse ante bacterias e virus, facer un bo lavado de mans “xa que demostrouse que reduce un 30 % a mortalidade” e tamén unha boa dieta para protexer a microbiota do organismo.

Todo isto está vinculado co concepto ‘One Health’ (unha saúde), unha denominación antiga na que se demostra que saúde humana, saúde animal e medio ambiente están relacionadas.

Xornada de Arzúa
Estas charlas tiveron lugar nunha xornada técnica organizada en Arzúa polo Centro de Investigación de Mabegondo en colaboración coas ADSG Boimorto e Terras do Queixo e a subdirección xeral de Gandería. O evento estivo centrado na vixilancia sanitaria nas ADSG de Galicia e as enfermidades e aplicacións informáticas. Entre esas enfermidades abordaron a EHE, na que se mostraron casos da zona.

Ver todas as noticias de leite

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *