Oito testemuños de granxas galegas que se manifestaron ante Larsa ou Lactalis en demanda dunha suba de prezos do leite. O aumento dos custos de produción está a afogalas e fai perigar a súa continuidade
As protestas dos produtores de leite galegos céntranse neste momento en dúas industrias, a multinacional francesa Lactalis e a cooperativa asturiana CAPSA, propietaria de Larsa. Acúsanas de negárense a trasladar ás ganderías a revalorización que están a ter os produtos lácteos nos supermercados e nos mercados internacionais, unha suba de prezos cos que, din, as empresas estarían facendo caixa a costa das explotacións.
Falamos con gandeiros que se manifestaron este martes en Outeiro de Rei e o xoves pasado en Vilalba para coñecer situacións reais de asfixia no campo e para que nos conten en primeira persoa cal é a perspectiva de futuro das súas granxas.
“Entrego a Larsa e agora mesmo a situación está moi mal porque estamos vendendo por debaixo dos custos de produción. Eu agora mesmo teño un estudo elaborado pola Universidade de Santiago sobre a miña explotación que indica que o que a min me custa producir un litro de leite é 35 céntimos.
Somos unha explotación familiar na que estamos eu, a muller e os dous fillos, incorporados a filla o ano pasado e o fillo hai dous anos. Temos feito un investimento desde hai seis anos a hoxe de 800.000 euros, polo que non é só sacar un soldo mínimo, hai que facer fronte ao crédito e a amortización da nave e a maquinaria e agora mesmo o que pagamos nas facturas a final de mes non o facturamos no leite, estamos perdendo cartos.
A nosa explotación ten relevo e un investimento feito de 800.000 euros pero con iso non chega, temos que ter rendibilidade para poder continuar
No último ano pecharon en Galicia 380 explotacións e a Administración di que pechan porque non teñen relevo xeracional. Eu teño relevo, pero con iso non chega, temos que ter rendibilidade. E agora mesmo estamos tirando unhas ganderías de créditos e outras de aforros para poder subsistir. Agora van adiantar o pago da PAC pero eu como gandeiro preferiría que nos sacasen as subvencións e nos pagasen o que producimos polo que realmente vale”.
“Se non nos melloran algo as condicións que temos isto é unha ruína. Os gastos todos (cereais, electricidade, gasóleo, fertilizantes) soben e o prezo do leite é o mesmo que hai 30 anos. Eu entrego a Lactalis e temos o prezo base en 29 céntimos. Con iso non se dan cuberto custos, así isto non ten moito futuro”.
“Estamos traballando a perdas desde fai tempo pero agora agravouse até estarmos nunha situación insostible. Eu teño unha explotación moi pequena, na que muxo 45 vacas e para facer fronte aos mesmos recibos ca antes estou poñendo cada mes 1.000 ou 1.100 euros máis”.
“Temos unhas 100 vacas en muxido e neste momento a situación pola que estamos pasando é moi dura debido á suba que se está producindo día a día nos custos de produción. E vemos que as industrias non moven ficha. Nós temos que seguir producindo, porque o noso é un produto moi perecedoiro que como moito en dous días temos que darlle saída, e as vacas teñen que seguir comendo, pero non sei ata cando aguantaremos”.

“A situación é insostible, porque nos subiu todo, desde as materias primas ao gasóleo ou a luz. Hoxe o litro de leite estanos custando moito máis producilo que fai un ano e non nos queda marxe ningunha, ao contrario, estamos perdendo cartos. No noso caso estannos pagando o leite a 32 céntimos e, cos prezos que temos dos insumos, necesitaríamos cobralo a 40 céntimos”.
“Estou cobrando a 31 céntimos de prezo base, máis as calidades á parte. Con ese prezo difícilmente se poden cubrir os custos de produción. Mantense a explotación a duras penas, vaise tirando a base de traballar, de esforzarse e de non investir. Os pensos xa subiron este ano un 25% e de cara ao ano que vén fálase, por exemplo, de que os abonos nitroxenados van subir un 100%. Se isto non se soluciona difícilmente imos poder resistir moito máis tempo así”.
“Cada día que pasa estamos perdendo máis diñeiro” (Cristóbal Touriño, Muxía)“Temos arredor de 220 vacas en muxidura e entregamos a Lactalis. Cada día que pasa estamos perdendo máis diñeiro. O sector é totalmente inviable desta maneira, non ten futuro ningún. As explotacións van mermando ano a ano e o vindeiro ano van ser moitas máis as que pechen”.
“Vendo o leite a Lactalis e estamos nunha situación de ruína total. O leite está como fai 50 anos. Estanmo pagando a 32 céntimos e sen embargo a min cústame producilo entre 37 e 38 céntimos, polo que necesitaría entre 5 e 6 céntimos só para cubrir custos. Así é imposible aguantar, estamos ao límite de todo. Eu vexo no meu pobo que os camións que pasan por alí viven directamente a conta dos gandeiros, porque son o camión do leite, o do penso, o da palla, etc. Se acaban con nós, detrás irá moita outra xente”.
Larsa, segunda parada da mobilización ante as industrias lácteas
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta