PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O sector lácteo prosegue as accións pola falta de acordos coa industria

Os baixos prezos do leite e a ausencia de negociación, principais reclamacións do sector produtor ante as administracións

O sector produtor demanda negociacións coas industrias.

O sector lácteo está quentando motores para as mobilizacións de calado que se prevén en maio. Os baixos prezos do leite e a ausencia de negociación entre industrias e produtores son as dúas principais reclamacións gandeiras. O Sindicato Labrego, Xóvenes Agricultores e Unións Agrarias escenificaron estes días a entrega dunha denuncia formal da situación ante a Xunta de Galicia. A axenda de accións das tres organizacións inclúe tamén esta semana reunións cos alcaldes de Soneira – Fisterra e Bergantiños, similares ás mantidas a pasada semana en Lugo. A Organización de Productores de Leche (OPL) tamén vén de amosar as súas críticas á actual situación a través dunha nota de prensa.

A reforma do paquete lácteo, culminada en marzo, semellaba ofrecer máis garantías para propiciar o entendemento entre industrias e gandeiros, pero na práctica, o mal endémico do sector, a falta de negociación entre as partes, continúa sen cambios. “Unha das ferramentas coa que a Administración pretendía dotar ó sector, as OPs (organizacións de produtores), demostraron novamente a súa falta de capacidade, xa que a industria non accede a negociar o leite con estas organizacións”, critican desde a Organización de Productores de Leche, unha entidade de ámbito estatal con forte presencia galega e que está autorizada para operar como OP nas negociacións coa industria.

Ante esta situación, a OPL considera que a unión das organizacións de produtores, pola que sempre se avogou desde a Administración, sería positiva, aínda que lonxe de emprenderse ese camiño, as perspectivas apuntan á aparición dalgunha organización de produtores a maiores das 8 xa existentes en España.

PUBLICIDADE

“A industria non accede a negociar prezos e contratos coas organizacións de produtores” (OPL)

“Chama a atención que desde os partidos políticos se promova a creación e se participe activamente no desenvolvemento de novas OPs que debilitarían aínda máis ó sector”, critica a Organización de Productores de Leche en nota de prensa. “Houbo reunións coa participación activa de representantes políticos en varios concellos nos que se ofreceu unha visión totalmente parcial e irreal da situación, facéndolle pensar ós gandeiros que as OPs teñen capacidade de negociación real”. Esta situación xa fora tamén criticada por Unións Agrarias.

A OPL, por último, tamén insta ó Ministerio de Agricultura a adoptar medidas contra a venda do leite a perdas na distribución comercial.

Reunións en Lugo
As tres organizacións agrarias maioritarias –Sindicato Labrego, Unións Agrarias y Xóvenes Agricultores- mantiveron o pasado xoves unha reunión en Lugo cos alcaldes da provincia, un encontro no que atoparon “unanimidade” e “coincidencia” por parte dos rexedores locais na análise dos problemas que afectan ó sector lácteo galego, así como na idea de que “a situación non pode continuar así”.

PUBLICIDADE

“A ameaza dalgunhas empresas de deixar a recollida non é máis que unha fórmula para xerar pánico” (Roberto García, Unións Agrarias)

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que participou na reunión, calificou de “esperpéntica” a ameaza dalgunhas industrias de de deixar de recoller a produción de cooperativas e gandeiros particulares. Desde o seu punto de vista, non é máis que unha “fórmula para xerar pánico” e que os gandeiros asinen os contratos a calquera prezo.

Os sindicatos esperan que os alcaldes esixan de Xunta e Goberno central actuacións con contundencia ante a industria e a distribución.

PUBLICIDADE

Moción da Deputación de Lugo
Na mesma liña, a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, anunciou que o grupo provincial socialista defenderá no próximo pleno da institución provincial unha moción para instar ó Goberno a modificar a actual normativa que regula o sector lácteo, co obxectivo de “protexer ós produtores fronte a posibles abusos por parte da industria”.

Méndez fixo ese anuncio durante a reunión que mantivo cos responsables da Sat Os Foros, no municipio da Pastoriza, unha visita na que estivo acompañada polo deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, e polo alcalde pastoricense, Primitivo Iglesias.

Entre outras medidas, os socialistas pedirán que se inclúa a figura do mediador, así como que se apliquen “fortes sancións” para evitar prácticas abusivas por parte das industrias. Tamén demandan que se exerza un control sobre o uso do leite como produto reclamo nas grandes superficies e que se mellore a etiquetaxe dos envases para coñecer “o lugar de procedencia do leite”.

Información elaborada con aportacións de José Luis Ramudo (Lugo).

Ver todas as noticias de leite

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *