Iván Rodríguez Paz, veterinario e director técnico da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL) ofrece neste artigo unhas claves para a ceba dos animais

A cría de Porco Celta está a extenderse nos últimos anos pola rusticidade desta raza, as propiedades diferenciais da súa carne e a boa acepción no mercado. Sen embargo, para lograr uns canais cun peso e cunha conformación axeitadas é preciso seguir unhas pautas de alimentación dos animais.
Iván Rodríguez Paz, veterinario e director técnico da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL) responde a cales son as recomendacións para optimizar a ceba.
A cría de Porco celta por definición realízase ó aire libre a maior parte da súa vida, polo que a súa alimentación está ligada ó aproveitamento de multitude de produtos que se dan nos campos e montes onde pastorean. Aproveitan o pasto, a matogueira, froitas e produtos da horta, castañas e landras… Pero a clave para que a ceba sexa boa e rendible, tanto por inversión de tempo como por obtención de calidade, radica no suplemento da dieta destes animais con mesturas de cereais balanceadas en función do estadio de crecemento do porco.
O ideal é iniciar o suplemento nos leitóns con dúas semanas, cando aínda están lactando para que o sistema dixestivo se acostume á alimentación sólida de orixe vexetal. Deben dispoñer deste suplemento de cereais con proteína altamente dixerible ata os catro ou cinco meses de vida e sempre a libre disposición, sen limitar a cantidade a inxerir.
O ideal é iniciar o suplemento nos leitóns con dúas semanas
Na seguinte fase, a de transición, ata os dez meses de vida o que nos interesa é o adecuado desenvolvemento do sistema osteomuscular polo que o suplemento será máis proteico que enerxético. Nesta fase non convén o engraxamento polo que haberá que limitar a cantidade a inxerir por porco e día.
Por último, entre os dez e doce meses, realízase a fase de finalización. Neste momento é cando nos interesa a deposición de graxa para rematar o cebado polo que precisamos unha ración máis enerxética que proteica, onde cobran máis valor os hidratos de carbono e a graxa de calidade.
Respectar as pautas de alimentación é o que nos vai permitir obter canais de calidade, coa infiltración graxa adecuada e co rendemento cárnico óptimo, nun período de tempo apropiado, e en consecuencia obter o oportuno beneficio económico.
A alimentación das porcas resulta delicada porque un adelgazamento inadecuado pode comprometer a xestación e un engraxamento excesivo pode determinar problemas no parto e no puerperio. Por tanto, resulta importante equilibrar a inxestión de mestura de cereais das porcas segundo a fase na que se encontran.
Necesitan máis aporte tras a desteta para recuperar a condición corporal, algo menos no primeiro mes de xestación e un maior racionamento dende aquí o final da xestación onde estarán consumindo uns 3 kg de mestura ó día.
É importante restrinxir a inxesta no periparto e ir aumentándoa paulatinamente na semana posterior ó mesmo hasta chegar ó consumo máximo. Sen esquecer que unha porca lactante precisa dun aporte nutricional de calidade e enerxético que lle permita manter a súa condición corporal ademais da produción de leite para garantir a supervivencia dos leitóns, polo que resulta moi recomendable utilizar fórmulas específicas para porcas en lactación.
Seguen a ter un papel fundamental porque un dos criterios que diferencian a carne de Porco celta e os produtos elaborados con ela é precisamente o aporte de minerais e vitaminas que esta alimentación vexetal lles proporciona. Por exemplo, o maior aporte de vitamina E, polo seu carácter antioxidante, favorece que os elaborados crudo-curados se manteñan en boas condicións organolépticas por máis tempo.
Neste punto teño que matizar que ASOPORCEL non intervén na fase de comercialización, cada criador decide cal vai ser o destino da súa produción. Pero sí somos responsables do control da trazabilidade para que todo o produto que se comercialice como Porco celta proceda de animais rexistrados no libro xenealóxico e por tanto de garantir que son de raza pura.
Unha parte dos criadores desta raza destinan a súa produción ó subministro das industrias elaboradoras, sendo estas autorizadas previamente para o uso do logotipo 100% Raza Autóctona, e que dispoñen dunha liña de produtos da raza Porco celta. Estas industrias demandan canais cunha media de peso entre os 110 e 130 Kg e cun engraxamento medio.
O mercado demanda canais cunha media de peso entre os 110 e 130 Kg e cun engraxamento medio
Evidentemente un engraxamento dorsal desproporcionado determina un menor rendemento da canal porque supón un maior porcentaxe de desperdicio, pero é fundamental que a infiltración graxa intramuscular sexa boa para que os produtos elaborados resulten coa calidade característica. As mellores canais son sempre as dos animais nos que se racionou ben o alimento e se empregaron fórmulas adecuadas combinadas co exercicio continuo en pastoreo.
En canto á conformación, é fundamental para obter os inconfundibles xamóns de Porco celta. As extremidades posteriores deben ser aplanadas lateralmente, longas e finas, coas articulacións ben definidas, para dar lugar ó chamado xamón en forma de violín do que se fala.
Agora mesmo é fundamental proporcionar aos distintos operadores canais homoxéneas. Non esquezamos que a produción de Porco celta se realiza fundamentalmente en explotacións de tamaño moi reducido e resulta complicado estandarizar as pautas de alimentación e a calidade do alimento.
O ideal é realizar o sacrifico en torno ao ano de idade do porco ou un pouco máis (realmente no prego de condicións de uso do Logotipo 100% Raza Autóctona Celta contémplase o sacrificio de cebos ata os 18 meses de idade). Sen embargo, como comentaba ó principio, temos que buscar o equilibrio entre a calidade e o tempo de cebado para que a actividade sexa rendible.
Quizais os erros principais veñan dados polo intento de reducir custos de xeito inadecuado.
Con diferencia, o maior gasto na produción dun cebo é precisamente a alimentación. Intentar reducir este gasto utilizando un penso de menor prezo, acostuma a ser unha mala decisión porque o habitual é que sexa de peor calidade e que os aportes nutricionais sexan máis pobres, de modo que para conseguir o remate do mesmo animal necesitamos maior cantidade de alimento. Polo tanto o aforro non é tal, todo o contrario, pois seguramente tamén necesitaremos empregar máis tempo para rematar o cebo.
Intentar reducir este gasto utilizando un penso de menor prezo, acostuma a ser unha mala decisión
Outro erro é intentar reducir custos racionando o alimento dos leitóns. Nesta fase deben dispoñer de alimento sen restricións pois é unha etapa fundamental para o desenrolo posterior do animal. Escatimarlles na ración neste momento supón retrasar o crecemento dos porcos e polo tanto prolongar o tempo de cebado. De novo, estaremos incrementando o custo final en lugar de reducilo. Ademais os leitóns nos que non se fai un bo arranque acostuman a determinar canais de menor calidade porque non chegan ó peso óptimo e non engraxan adecuadamente.
A asociación, ademais de ser a entidade xestora do libro xenealóxico da raza Porco celta, ten que servir de ferramenta para que os criadores poidan mellorar as súas explotacións, producións e rendementos. Por iso traballamos sempre para proporcionarlles a formación e o asesoramento que precisen.
Neste sentido, ASOPORCEL xa está acreditada como entidade formadora para impartir os cursos de benestar animal para poder facer o transporte de animais e para os responsables das explotacións porcinas.
Do mesmo xeito, tamén estamos tramitando a acreditación como entidade de aconsellamento. Anualmente organízase unha xornada técnica específica desta raza autóctona e particípase en numerosas accións encamiñadas a difusión e promoción da raza Porco celta (mostras gandeiras, xornadas gastronómicas, xornadas divulgativas…).
Recentemente acordouse un protocolo de actuación en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (Campus Terra) e a Deputación de Lugo para a construción dunha granxa de Porco celta que actúe como un centro de multiplicación, provendo aos produtores con exemplares seleccionados e que permita seguir aumentando o banco de xermoplasma co material xenético daqueles exemplares máis representativos.
E por suposto, particípase en moitos proxectos de investigación, con diferentes entidades (USC, IBADER, CTC, SERIDA, AGACA..) para determinar parámetros como a idade de sacrificio óptima, a influenza de determinados factores na calidade da canal….que nos permitan asesorar e dirixir ós criadores na mellor maneira de produción para que as explotacións resulten sostibles e rendibles.
Por último, quixera mencionar o selo de calidade que ampara a carne e produtos de Porco celta, o LOGOTIPO 100% RAZA AUTÓCTONA CELTA, xa que ASOPORCEL é a entidade responsable de controlar e verificar o etiquetado con este selo e polo tanto de garantir a orixe dos produtos.
Ó final, este é o distintivo que chega ó consumidor e o que singulariza os produtos de Porco celta no medio de outros moitos, xa que cada vez se demanda unha maior información dos produtos que se consumen, polo que é importante buscar este selo en todos os derivados desta raza. E, polo momento, a demanda vai en aumento. Comezouse o uso do etiquetado 100% RAZA AUTÓCTONA no ano 2016, no que se contabilizaron algo menos de 600 sacrificios, no ano 2017 sacrificáronse cerca de 1300 animais e pechouse o ano 2018 por encima dos 1600, o que equivale, aproximadamente, a uns 160000 kg de carne de Porco celta certificada baixo este distintivo. Aínda que se incrementaron os sacrificios ano tras ano, non esquezamos que seguimos a falar dunha raza en perigo de extinción e o logro de conseguir pequenos aumentos de produción leva parello un maior esforzo, xa que contamos cun efectivo reprodutor reducido e debemos vixiar as taxas de consanguinidade.
Pero, sen dúbida, a mellor axuda para que esta raza saia adiante é que o consumidor lle de o valor que lle corresponde e demande estes produtos no mercado.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta