PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Carqueixa impulsa a comercialización de carne desde o gandeiro ó consumidor

A cooperativa, que agrupa a 200 ganderías dos Ancares, chegou xa a acordos con grupos de consumo de Vigo e da Coruña. O obxectivo do proxecto é lograr un prezo máis xusto para as granxas e posicionarse no mercado cun produto de calidade

Paisaxe gandeira dos Ancares, caracterizada por un mosaico de pastos, soutos, carballeiras e brezais.

Os becerros dos Ancares, criados ó aire libre nos pastizais da montaña lucense, protagonizan unha iniciativa de comercialización directa da cooperativa A Carqueixa (Cervantes, Lugo), que quere poñer en valor unha carne que considera de categoría ‘premium’. A idea das 200 ganderías que conforman a cooperativa é chegar coa súa carne directamente ó consumidor. O proxecto xa logrou nas últimas semanas acordos con grupos de consumo de Vigo e da Coruña e ábrese agora a toda España a través da web O sabor dos Ancares, que ofrece lotes de carne de 5 e 10 quilos.

A Carqueixa busca con esta iniciativa lograr un beneficio mutuo para as granxas socias e para os consumidores. O obxectivo é conseguir un prezo máis xusto para a carne, que está amparada polo selo Ternera Gallega Suprema, á vez que se lle achega ó consumidor unha carne premium a prezos competitivos.

O proxecto persegue prezos dignos que fagan máis atractiva a gandería, de xeito que se manteña unha montaña viva, poboada e cunha paisaxe tradicional

PUBLICIDADE

“É un proxecto co que estamos ilusionados. A xente proba a nosa carne, gústalle e estase animando a facer pedidos” -explica o presidente da cooperativa, José Antonio Díaz.- “Ofrecemos unha carne da máxima calidade, mellor que a das ganderías intensivas, e a un prezo menor ó do supermercado, así que temos boas expectativas, tanto a nivel de Galicia como para zonas como Madrid ou Barcelona”, conclúe.

As 200 granxas que conforman a cooperativa están convencidas da singularidade da carne dos seus becerros, pois practican unha cría tradicional dos animais, que pasan toda a súa vida en libertade nos pastizais de montaña cunha alimentación baseada na lactancia materna ata os 7 meses, co complemento de pastos e forraxes.

ternera gallega

A cooperativa elixe para a comercialización directa os mellores animais das súas granxas, en tanto o resto continúa vendéndose a través da cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros, da que forma parte. “O proxecto de comercialización directa é unha aposta polo consumidor que queremos que repercuta de forma positiva nas granxas. A idea é que esa carne lle sexa remunerada ás ganderías cun prezo un 20% maior ó do mercado”, explica o xerente da Carqueixa, Román Sánchez.

O reto non é pequeno, pois no transfondo, o proxecto persegue asegurar a continuidade da actividade gandeira nos Ancares, promovendo uns prezos dignos que fagan máis atractiva a profesión. A Carqueixa fai fincapé en que a gandería extensiva contribúe a fixar xente nunha comarca rural moi afectada pola despoboación. Outro impacto positivo do gando é que mantén a actual paisaxe da montaña, caracterizada por un mosaico de pastos, carballeiras, soutos e matos, “sen eucaliptos”, precisan na cooperativa.

PUBLICIDADE

Vídeo promocional de ‘O sabor dos Ancares’

Funcionamento do sistema

O sistema de comercialización directa ten un funcionamento sinxelo. Unha vez que o consumidor encarga o seu pedido a través da tenda online, a cooperativa comprométese a facerlle a entrega nun prazo duns 15 días. A Carqueixa fai o procesado dos animais no matadoiro de Taboada (Lugo), desde onde saen os lotes envasados ó baleiro e en transporte refrixerado directamente para o consumidor.

Os lotes compóñense de carne picada, hamburguesas, espaldilla (recomendada para estofar), filetes, chuletas, agulla e xerrete (recomendados para asar), así coma falda, coa que se pode elaborar churrasco. Polo de agora, a distribución estase a facer con transportes frigoríficos contratados, se ben a expectativa é a de implantar unha distribución propia en breve.

PUBLICIDADE

A cooperativa ofrece lotes de 5 quilos (53 euros) e de 10 quilos (95 euros), existindo tamén a posibilidade de pedidos de maiores volumes, para os que se ofrecen descontos. Os lotes envasados ó baleiro aguantan 15 días refrixerados, aconsellándose a conxelación da carne que non se consuma de xeito inminente.

De cara a facilitar a preparación das distintas pezas que conforman o lote, A Carqueixa está a iniciar un videoblog coa cociñeira Pilar Rodríguez, que preparará recetas coas distintas pezas. O consumidor tamén ten a súa disposición a canle da Escola de Cociña de Ternera Gallega, que nos últimos meses está facendo unha destacada labor de divulgación culinaria.

Ver todas as noticias de agroalimentación

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *