Resumo do relatorio de Cristina Muñoz, coordinadora do Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos 2019-2021 (PRAN), na xornada organizada por AGACA sobre o futuro do sector de vacún de leite

O sector de vacún de leite acometerá nos próximos anos importantes cambios no uso de antibióticos, o que obrigará a replantarse prácticas de actuación tanto por parte dos gandeiros como dos veterinarios.
Así, o explicou Cristina Muñoz, coordinadora do Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos 2019-2021 (PRAN), na xornada organizada recentemente pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) sobre a situación do sector lácteo galego. Avanzou tamén o protocolo específico para vacún de leite de uso de antibióticos e que se empezará a aplicar en 2019.
E é que aínda que as propostas de adherirse ao PRAN para reducir o uso de antibóticos son por agora voluntarias, a recomendación desde AGACA é que os gandeiros vaian asumindo as recomendacións por responsabilidade social e tamén por esixencia do mercado.
“Desde AGACA recomendamos a todas as cooperativas do sector lácteo galego que se adhiren ao protocolo que se propón desde o PRAN para vacún de leite pois cremos que é unha oportunidade para o sector”, destaca María Rey, técnica de AGACA.
Este protocolo para o sector de vacún de leite espérase que se asine antes de que finalice este ano.
Como punto de partida, Cristina Muñoz expuxo datos sobre consumo de antibióticos por especies, que confirman que o vacún de leite é un dos sectores gandeiros que menos antibióticos consomen, centrándose o seu uso principipalmente durante o secado e para o tratamento de mamite. Os principios activos que máis se utilizan son cephalosporinas de 1ª, 2ª, 3ª e 4ª xeración, quinolonas e fenicoles.

Cristina Muñoz expuxo que tras a primeira fase do PRAN 2014-2018, os obxectivos que se marca o novo plan para o período 2019-2021 son:
-Que o consumo global de antibióticos en veterinaria sexa un 50% inferior en relación aos datos do ano 2014.
-Que o consumo de colistina se reduza nun 90%.
-Que o consumo de quinolonas baixe un 45%.
-O uso de cefalosporinas de 3ª e 4ª xeración sexa un 45% inferior aos datos de 2014.
Obxectivos xerais:
Neste sentido, a coordinadora do PRAN adiantou que a proposta específica de uso prudente de antibióticos para o sector de vacún leiteiro contempla as seguintes actuacións:
-1º período 2018-2021: Uso prudente das fluoroquinolonas e outras quinolonas. Definir e implantar pautas de manexo e tratamento con base científica de cara a realizar un uso máis racional dos antibióticos. Consumir de maneira prudente os antibióticos críticos.
– 2º período 2022-2025: A estratexia enfocaríase cara ás cefalosporinas de 3º e 4ª xeración.
Responsabilidades para o gandeiro:
-Identificar ao veterinario ou veterinarios responsables das prescricións na súa explotación.
-Definir e implantar pautas de manexo de cara a realizar un uso máis racional dos antibióticos.
-Cumprir a lexislación no referente ao uso de antibióticos.
-Desenvolver estratexias preventivas: vacinacións, costro, ración diaria dos tenreiros de engorde, altos niveis de hixiene etc.
-Implantar pautas de tratamento de secado selectivo, aplicando medidas alternativas caso por caso.
-Establecer medidas de hixiene exhaustiva e estratexias de boas prácticas para reducir ao mínimo o desenvolvemento e a difusión da mastite.
Responsabilidades para o veterinario:
-Prescribir antibióticos, só a aqueles gandeiros que os identificaron como veterinario da explotación, só cando estean xustificados, baseado nunha previa exploración clínica in-situ realizada por el mesmo, ou no marco dun programa sanitario ou protocolo terapéutico que el elaborase, baseado nun coñecemento e estudo particular da explotación.
-Realizar un seguimento dos tratamentos.
-Fomentar entre os seus clientes a implantación de boas prácticas gandeiras que posibiliten a redución de uso de antibióticos.
-Evitar a utilización profiláctica de antimicrobianos en tenreiros recén nados (por exemplo, antimicrobianos engadidos a substitutivos do leite)
-Desenvolver estratexias preventivas: vacinacións, costro, ración diaria dos tenreiros de engorde, altos niveis de hixiene.
-Evitar o tratamento sistemático das vacas no secado, ademais de estudar e aplicar medidas alternativas caso por caso.
-Usar sempre que sexa posibles probas de diagnóstico para identificar os patóxenos causantes do proceso patolóxico.
-Realizar antibiogramas para establecer o perfil de resistencias.
-Gardar e achegar esta información para informes epidemiolóxicos.
-Elaborar e enviar á Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) os datos de consumo do antibióticos obxecto do Programa de cada explotación, da que son responsables.
-Fomentar as medidas de hixiene e estratexias de boas prácticas para reducir ao mínimo o desenvolvemento e a difusión da mastite.
Exemplo de informe que deberá achegar o veterinario:

Información que deberá achegar a cooperativa ou SAT que se adhira ao protocolo voluntario de uso prudente de antibióticos en vacún de leite:
-NOME DA COOPERATIVA OU SAT
-REPRESENTANTE LEGAL
-CÓDIGOS REGA QUE AGRUPA
-LITROS DE LEITE PRODUCIDO
-VETERINARIO COORDINADOR
-PUNTO DE CONTACTO COA AXENCIA ANTE CALQUERA DÚBIDA
-DATOS DE CONSUMO DE ANTIBIÓTICOS DOS ANOS 2015, 2016 e 2017. A partir de 2018 SEMESTRALMENTE
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta