Campo Galego retrata a difícil situación pola que están a atravesar as explotacións lácteas de Galicia a través de entrevistas a gandeiros que participaron na multitudinaria manifestación deste venres en Santiago de Compostela.

Temos 180 vacas en muxido. Estamos pasando un momento moi delicado de prezos moi baixos, e coa incerteza de que dun día para outro a industria non cho recolla ou cho paguen a 18-20 céntimos para leite ne pó. Se isto segue así nuns meses teríamos que pechar. Neste momento estamos vendendo o leite a Leche Río a 27 céntimos, o último mes. Levo moitos anos no sector, e recordo bastantes crises, pero coma esta ningunha.
Teño unha explotación familiar con 60 vacas en muxido. Si que está quedando leite sen recoller, e a situación é que se estás en Reny Picot podes ir para Leche Río, sen prezo, e viceversa. O pasado mes vendinllo a Reny Picot e cobreino a 19 céntimos. Non hai posibilidades de cambiar para ningunha industria neste momento.
Con estes prezos a situación é francamente ruinosa, tendo que estar aportando as reservas de capital, que xa non eran moitas. A isto hai que unir o verán tan seco que non vai permitir facer unha boa colleita de millo, cando xa non a houbo boa de herba.
A intervención de leite pode ser unha medida a curto prazo, pero creo que a medio-longo prazo se debería fixar un prezo de custos medios de referencia por debaixo do cal non se debería comprar o leite.
Teño unha explotación familiar con 50 vacas en muxido. Nesta situación non estamos cubrindo os custos de produción, e estamos tirando dos aforros. O tempo tampouco axuda moito. Estamos vendendo o leite a Leche Río, cun prezo final de preto de 30 céntimos o litro.
Non vexo clara a solución a esta crise. A forma de que suba o produto penso que é primeiro facendo presión sobre a cadea de distribución e logo sobre as industrias. Non pode ser que se venda o leite na distribución a prezos que con cubren os custos de produción dos gandeiros, usándoo como produto reclamo e banalizándoo. É algo que lle corresponden ao Goberno, que faga cumprir dunha vez a Lei de Cadea Alimentaria.
A nosa explotación conta con máis de 200 vacas en muxido. Trátase dunha SAT familiar. Esta situación estanos afectando duramente, porque temos investimentos e non podemos reducir a produción e baixounos moito o prezo do leite. Estamos agora en 27 céntimos o litro, e con menos de 32 non cubrimos os custos de produción. Estamos vendendo a Lactalis, que de momento séguenos recollendo o leite pero a un prezo que se reduciu moito.
Tócanos agora renovar o contrato, pero imaxino que con prezos á baixa.
A solución creo que é sinxela: en España consúmese máis leite do que se produce. No Sur da Península están cobrando o leite a 5-6 céntimos máis e está entrando leite de Francia de peor calidade, porque alí os prezos son máis altos que aquí. Non entendemos que deixen de recoller aquí leite, cando o producimos máis barato que en Francia e de igual ou mellor calidade.
Non podemos baixar a produción porque temos uns investimentos e para cubrilos precisamos desa produción.
Temos explotacións medianas, de 60-70 vacas. Tanto a industria como a Administración están deixando tirados aos gandeiros. Estou vendendo a Reny Picot a vintepoucos céntimos. Os contratos estanse a incumprir e a situación agrávase para aquelas explotacións que lle venden o leite a intermediarios, que se quedan cunha parte do prezo do leite, cando este xa está baixísimo.
Penso que a solución pasa por quitar moito intermediario do medio e que a administración apoie moito máis ao gandeiro e non tanto á industria e á distribución.
Teño unha explotación familiar mediana de 70 vacas en muxido en Santiso (Lalín). A crise prezos estanos afectando moito porque os que temos explotacións feitas de novo, temos uns gastos moi elevados polos préstamos e con estes prezos do leite non cubrimos gastos. Fixemos as obras da instalación hai 4 anos. Neste momento estámosllo vendendo a Larsa, con dous prezos: un a 29 céntimos e outro segundo o prezo da manteiga do mercado, e o mes pasado cobrámolo a 24 céntimos.
“As explotacións novas estamos na peor situación porque temos que pagar os créditos”
Estamos reducindo ao máximo os gastos pero hai un mínimo do que non podes baixar.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta