A organización advirte de que as industrias están tratando de impoñer contratos de compra-venda por baixo dos custos de produción. Programa tamén unha mobilización o día 24 ante a Xunta

A situación de caída de prezos do leite que atravesan as explotacións lácteas nos últimos meses levou á Organización de Productores de Leche (OPL) a convocar unha manifestación e unha folga de entregas de leite. A manifestación será o 24 de marzo ante a sede central da Xunta, en Santiago de Compostela, en tanto a folga de entregas ten previsto o seu inicio ás 12 da noite do 29 ó 30 de marzo.
O prezo do leite en Galicia acumulaba en xaneiro unha caída duns 6 céntimos desde a primavera pasada e situábase xa na fronteira dos 30 céntimos, un límite vermello de referencia para o sector. Os novos contratos de compra-venda que están presentándolles as industrias ós gandeiros nos últimos días sitúanse de xeito xeneralizado por baixo dos 28 céntimos, segundo a OPL, o que supón producir por baixo dos custos de produción. “Teriamos que estar pagando para producir leite”, explican desde a Organización de Productores de Leche.
As industrias están presentando de xeito xeralizado contratos por baixo dos 28 céntimos, segundo a OPL
PUBLICIDADE
O actual marco normativo na compra-venda de leite trata de impulsar a negociación entre gandeiros e industrias, así como unha maior estabilidade, con contratos a un ano que eviten os conflictos a curto prazo. A realidade –asegura a OPL- é que as industrias continúan co seu ‘modus operandi’ habitual de imposición unilateral de prezos: “A industria está tratando de impoñer contratos sen precedentes coa amenaza de non retirar o leite das granxas”, critican.
A propia conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, dou conta no Parlamento esta semana de situacións anómalas que estaba a detectar no sector, co caso dunha industria que está pagando 2 céntimos menos por litro que a media do sector.
A OPL considera que as recentes multas que Competencia lle impuxo ás industrias están sendo claramente trasladadas ós produtores, “sen que desde a Administración se faga nada”. A organización anima a todos os gandeiros a sumarse á mobilización que programou para o 24 de marzo ante a Xunta, en Santiago; así como a participar na folga de entregas de leite que se inicia na noite do 29 de marzo. A próxima semana, a OPL ten previstas asambleas informativas en Lalín, Arzúa, Santa Comba e Lugo.
A Organización de Productores de Leche (OPL) é unha organización empresarial de carácter apolítico e autofinanciada que ten ámbito estatal, se ben a maior parte da súa dirección está en Galicia, onde conta con arredor de 500 gandeiros, según as estimacións da propia organización.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta