PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Leche Río deixa a recollida dunha vintena de granxas sen preaviso

Unións Agrarias asegura que pedirá compensacións por danos e perxuízos para os afectados. A empresa alega que as explotacións non cumprían cun mínimo do 3,50 de graxa

1

A empresa Leche Río comunicoulle onte a unha vintena de explotacións que lles deixaba de recoller o leite desde ese intre. A decisión da industria, que lle foi trasladada ós produtores sen ningún preaviso, obrigou xa a parte das explotacións a ter que tirar o leite das últimas muxiduras, como se pode apreciar no vídeo que acompaña esta nova. Ante esta situación, Unións Agrarias anunciou que lle esixirá a Leche Río compensacións por danos e perxuízos, xa que os gandeiros afectados tiñan contrato en vigor coa empresa.


Desde Leche Río xustifícase a cancelación da recollida dunha vintena de produtores en que non estaban a cumprir cos parámetros de calidade do leite, en concreto cos niveis de graxa, para os que a empresa pedía un mínimo de 3,50. “É un problema que xa se lles advertira a estas e a outras explotacións ó longo do mes. Había produtores que estaban entregando leite co 2,80 de graxa”, sinalan desde Leche Río.

A empresa indica que o leite enteiro envasado debe ter un mínimo do 3,50 de graxa, polo que comezou a esixir que as explotacións cumpriran con ese mínimo. Parte dos produtores xa se adaptaran a esa petición e aqueles que non o fixeron encontráronse onte con que Leche Río, sen ningún preaviso, lles cancelaba a recollida. A propia empresa recoñece que a decisión de deixar a eses gandeiros se adoptou onte por parte da dirección, que corre a cargo de Jesús Lence.

PUBLICIDADE

A saída da industria deixa a este grupo de gandeiros, de zonas como Teixeiro ou a Terra Cha, sen ningún comprador para o leite, polo que están a buscar solucións a contrarreloxo. Entre tanto, non lles queda outra que tirar o leite que recollen en cada muxidura. Ante este escenario, Unións Agrarias anunciou en nota de prensa que lle esixirá a Leche Río compensacións por danos e perxuízos. “O xeito de actuación de Jesús Lence supera tódalas liñas vermellas da legalidade e da moralidade, posto que os produtores afectados tiñan contrato en vixencia con Leche Río”, critican desde Unións.

Grupo de traballo
A organización insta tamén á Consellería de Medio Rural a convocar unha reunión do grupo de traballo do sector lácteo, constituido recentemente entre a propia Administración, cooperativas e organizacións agrarias para abordar incidencias como esta. Unións cuestiona o que entende como “inoperancia” da Consellería ante os reiterados problemas que se están rexistrando a pé de granxa tanto para garantir a recollida como para manter uns prezos de mercado razonables.

ACTUALIZACIÓN
Convocada unha concentración en Teixeiro (Curtis) en solidariedade cos afectados polo abandono de Río

Ver todas as noticias de leite

Publicacións relacionadas

Unha resposta a “Leche Río deixa a recollida dunha vintena de granxas sen preaviso”

  1. Sabela di:

    Cago no carallo de dios! Os nenos desmaiándose coa fame, e os outros botando o leite. O que teñen que facer os labregos e formar cooperativas, e que leven os demos ás grandes multinacionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *