O proxecto consiste en despregar progresivamente polo territorio unha rede de plantas que valoricen os excedentes de xurros bovinos, porcinos e avícolas mesturados cunha cantidade menor de FORS (fracción orgánica de recollida separada) e RIO (residuos industriais orgánicos) do sector agroalimentario para a produción de enerxía renovable. Así queda recollido no memorando de entendemento que recentemente subscribiron Reganosa, Repsol e Naturgy con Impulsa, a sociedade mixta promovida pola Xunta de Galicia co obxectivo de acompañar iniciativas empresariais que incidan na dinamización, o progreso e a transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital.
Nunha fase inicial, as tres enerxéticas planean construír unha primeira planta de dixestión anaerobia que produza gas renovable e cinco plantas de pretratamento asociadas a esta para deshidratar o excedente de xurro bovino. A planta de xeración de gas renovable emprazaríase en Meirama (Cerceda), zona de transición xusta, mentres que as cinco plantas de pretratamento se repartirían, nunha primeira fase, por concellos da mesma provincia coruñesa e de Lugo, de acordo coa distribución fundamentada no mapa galego de explotacións gandeiras, optimizando así a loxística entre ambos tipos de instalacións.
Cun investimento aproximado de 146 millóns de euros, nesta primeira fase trataríanse anualmente 1.240.000 toneladas de xurros excedentes e produciríanse, amais de fertilizantes orgánicos e CO2 neutro, uns 300 xigawatts hora (GWh) de biometano que se inxectarían á rede de gas natural. Este gas renovable utilizaríase para descarbonizar distintos sectores, como o do transporte, o residencial e o industrial, podéndose empregar nos procesos da refinería de Repsol na Coruña.
Ampliación a toda Galicia
Completada esta fase inicial, a intención dos promotores é ampliar o proxecto de economía circular no futuro a toda Galicia, implantando unha rede centralizada de tratamento dos excedentes de dexeccións gandeiras. Neste sistema garantirase a dispoñibilidade para os gandeiros do xurro necesario para abonar as súas terras de xeito sostible, así como a viabilidade económica das súas explotacións. Os cálculos dos promotores determinan que se poderían valorizar arredor de 6 millóns de toneladas de residuos cada ano. Redondeando, o biometano producido (1 TWh anual) equivalería a un 7 % do gas natural de importación que agora se demanda en Galicia, co que a comunidade avanzaría substancialmente na súa autonomía enerxética e no consumo de renovables. O proxecto foi presentado a catro ministerios do Goberno central (Economía, Transición Ecolóxica, Agricultura e Industria) co obxectivo de encaixalo nos fondos Next Generation, tanto pola súa compoñente de circularidade como polo feito de que proporciona unha fonte de enerxía verde e autóctona a partir dos excedentes das dexeccións gandeiras.
Deste xeito, no proxecto global evitaríase tamén a emisión á atmosfera dunhas 500.000 toneladas anuais de CO2 e crearíase emprego de calidade no marco da transición ecolóxica e nos lugares pouco poboados. En suma, algo máis de 600 postos de traballo directos e 1.900 indirectos, considerando tanto a explotación das plantas como a loxística de transporte.

Esto seria o desproposito mais grande da xunta , non e viable baixo ningun caso .
Nin e necesaria semellante inversion nin por asomo fan falta tantas persos para o seu manexo , no mellor dos casos poñendo un numero alto de persoas directas serian 60 ose sobra un cero nese dato.
Tan pouco e funcional unha macropñanta por que por loxistica no e viable
Pouco nos pasa