O Clúster Alimentario de Galicia busca a implicación das tres universidades galegas no desenvolvemento de alimentos adaptados ás tendencias de consumo, máis saudables e con maior sustentabilidade ambiental

A xornada celebrouse no edificio Cactus do campus de Lugo
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) busca a colaboración cos grupos de investigación das tres universidades galegas para desenvolver novos produtos adaptados ás tendencias do mercado e aos novos gustos e demandas dos consumidores, avanzando ao mesmo tempo na mellora dos procesos de produción, presentación, distribución e comercialización, así como na sustentabilidade económica e ambiental da industria alimentaria.
Membros do Clúster e dalgunhas das empresas que o integran mantiveron este mércores no Campus Terra da Universidade de Santiago en Lugo, moi vinculado á formación e investigación nos ámbitos agrogandeiro e forestal, o primeiro dos encontros con investigadores galegos co obxectivo de afondar na innovación colaborativa entre empresas e universidades.
Baixo o título Os retos estratéxicos do sector: I+D+i e Sustentabilidade, estas xuntanzas repetiranse no resto de campus na procura de coñecer as distintas liñas nas que se está a investigar no ámbito universitario galego e as súas posibles aplicacións á industria alimentaria.
Adaptarse ás novas tendencias do mercado
Na xornada informativa celebrada no edificio Cactus da sede universitaria luguesa participaron o director técnico da Bodega Martín Códax, Miguel Tubío, e Xaquín Antón, director de proxectos de I+D+i de Clavo Food Factory, a empresa de precociñados para hostalaría creada no ano 1985 en Caldas de Reis e que hoxe conta con case 500 traballadores nas súas dúas fábricas, ubicadas Caldas e Tordesillas (Valladolid). “Hoxe unha empresa non funciona se non traballa en contacto co consumidor. Os ciclos actualmente son cambiantes e duran 6 meses ou un ano e temos que adaptarnos a esas tendencias”, indicou Xaquín.
Pola súa banda, Miguel defendeu a necesidade de avanzar na sustentabilidade das empresas agroalimentarias, tanto no punto de vista económico (mediante o incremento da produtividade) como no aspecto ambiental (logrando procesos máis eficientes e mellorando o aproveitamento de subprodutos).
Aspectos como a adaptación ao cambio climático (máis trascendente no sector produtor, pero que tamén afecta ás industrias transformadoras), o desembarco da tecnoloxía nos procesos de produción (as chamadas fábricas 4.0), a chegada do e-comerce coa venda online e a satisfacción das demandas dese novo consumidor son algúns dos retos das industrias alimentarias galegas.
65 empresas do sector alimentario
O Clúster Alimentario de Galicia creouse no 2010 e integra hoxe a 65 firmas do sector (maioritariamente empresas de transformación de sectores como o lácteo, o cárnico, o viño ou conserveiras), entidades de investigación e centros tecnolóxicos, as 3 universidades e distintas asociacións empresariais.
Entre a misión principal coa que naceu o Clúster está a de favorecer dinámicas de colaboración entre todas as entidades participantes, ofrecendo unha serie de servizos ás empresas socias, por exemplo bases de datos de mercados a nivel internacional para apoiar o posicionamento en novos mercados e os procesos de internacionalización das distintas empresas.
Para apoiar o emprendemento, o Clúster xestiona a primeira aceleradora do sector agroalimentario en Galicia, Business Factory Food
O obxectivo central do Clusaga para o periodo 2016-2020 é o de mellorar a sustentabilidade, a competitividade e a internacionalización, coa innovación como un dos piares fundamentais. Con esa finalidade, conta con tres comisións: a de Mercados e Internacionalización, a de Innovación e I+D, e a de Sustentabilidade e Economía Circular.
Esta última ferramenta introduciuse a finais do ano pasado como resposta á demanda actual da sociedade e busca fomentar a sustentabilidade dentro das empresas e divulgar as boas prácticas dos socios. “A sustentabilidade figura entre os principais obxectivos de desenvolvemento de Nacions Unidas para 2030”, explicaron Noelia Dosil e Patricia Fraga, que integran a parte técnica da Comisión de Innovación do Clúster, dividida en tres grupos de traballo:
– Innovación en alimentos e ingredientes innovadores, seguros e saudables, adaptados ás tendencias de consumo
– Novos modelos de produción e comercialización, dixitalización e bioeconomía
– Loxística e distribución, packaging innovador

Integrantes dos grupos de investigación asistentes á xornada en Lugo
Os proxectos e actuacións de I+D+i ligadas ao sector primario e alimentario ou ben relacionadas coa loita e mitigación dos efectos derivados do cambio climático que se están a desenvolver no Campus de Lugo da USC conectan en grande medida cos retos estratéxicos programados desde o Clúster Alimentario de Galicia.
A marcada orientación da sede universitaria luguesa cara ao sector primario e a alimentación, desde os procesos de produción, a conservación e ordenación do territorio, sustentabilidade ambiental e mitigación de efectos do cambio climático, ata o desenvolvemento de produtos alimenticios innovadores ou a mellora da seguridade e da calidade doutros alimentos tradúcese tamén na súa I+D+i, unha produción científica ligada en grande medida á Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra (BioReDes) e que no último trienio contabilizado (2016-18) xerou un volume de negocio de máis de 23,5 millóns de euros.
A Aula de Produtos Lácteos traballa desde o 2016 tamén con outro tipo de alimentos líquidos na súa planta piloto, única na península ibérica e unha das máis modernas e completas de Europa
As vantaxes do emprego de cinzas de biomasa para a fertilización e conservación de solos degradados, a mellora xenética de especies autóctonas de cereais como trigo ou millo, a utilidade da valoración e testaxe sensorial para o deseño e desenvolvemento de novos alimentos con máis valor engadido, benestar animal, cuestións ligadas a mellorar as actuais organizacións de loxística e distribución, as múltiples aplicacións e vantaxes que depara a acuicultura, a seguridade alimentaria ou novos aproveitamentos de recursos forestais para toneis de viño centraron algunhas das liñas de I+D+i desenvolvidas no Campus Terra da USC presentadas neste foro do Clusaga.
A xornada serviu asemade para presentar ao sector alimentario galego a existencia no Campus de Lugo da USC da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, unha infraestrutura tecnolóxica de vangarda que, ademais de produtos lácteos, tamén ofrece solucións innovadoras para o deseño e elaboración doutros produtos alimenticios.
A Aula de Produtos Lácteos cumpre 28 anos neste 2020 e desde o 2016 non só traballa en produtos lácteos senón noutro tipo de alimentos nos seus 1.900 metros cadrados de planta piloto semiindustrial, única da península ibérica e unha das máis modernas e completas de Europa, na que se pode elaborar case todo tipo de produtos que sexan líquidos ou cremosos.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta