Medio Rural anuncia que quere crear 225.000 hectáreas de pastizais no monte. Márcase o obxectivo de deter a expansión do eucalipto e aumentar a superficie de piñeiros e frondosas

O borrador do Plan Forestal de Galicia, que se analizou hoxe no Consello Forestal, presenta unha serie de declaracións de intencións que xeneran dúbidas no sector. O documento márcase obxectivos para aumentar a masa arborada de piñeiros e castiñeiros, para limitar a expansión do eucalipto e para crear máis de 225.000 hectáreas de pastizais no monte nos próximos 20 anos. O que se descoñece é como proxecta a Xunta levar á practica eses obxectivos.
O Plan Forestal presentóuselle hoxe ó sector forestal para a realización de achegas e espérase que no primeiro trimestre do ano poida pasar ó Parlamento para o seu debate e aprobación.
Medio Rural quere duplicar as cortas de madeira en Galicia sen a penas aumentar a superficie arborada
PUBLICIDADE
Entre as grandes cifras do Plan, destaca o compromiso da Xunta para crear 225.000 hectáreas de pastos no monte, un dato que está a suscitar estes días incredulidade entre os gandeiros, máxime cando a Consellería non convocou nos últimos anos ningunha liña de axudas para a implantación de pastizais. Só houbo acordos puntuais para apoiar proxectos concretos, pero dunha dimensión reducida, afastada das cifras que pon agora sobre a mesa a Xunta: máis de 11.000 novas hectáreas de pastos ao ano.
En canto á superficie forestal arborada, que ronda en Galicia os 1,4 millóns de hectáreas, a intención de Medio Rural é aumentar ese espazo en 125.000 hectáreas, unhas 50.000 de piñeiros, 50.000 de frondosas -a metade de castiñeiros-, e algo máis de 20.000 hectáreas de eucalipto nitens. O aumento do eucalipto nitens faríase cunha redución paralela da presenza do eucalipto en masas mixtas, co cal a superficie total da especie non aumentaría, segundo as previsións da Xunta.
Tales obxectivos abren novamente o interrogante das medidas que se van adoptar pola Xunta para avanzar cara ese escenario. Por exemplo, nos últimos anos, o piñeiro, en lugar de aumentar superficie, está a perder superficie en favor do eucalipto nitens, segundo a percepción do sector.
“Se en Galicia o monte fose público, os obxectivos do Plan Forestal terían unha sinxela traslación ó monte, pero en Galicia o monte é maioritariamente privado ou veciñal” -valoraba á saída do Consello Forestal o responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijoo.- “Queda por saber que políticas se van adoptar para chegar a estas cifras, e diso non se falou nada polo de agora”, subliña.
As cortas en Galicia acadan só o 53% da madeira que medra no monte, cando a maioría de potencias foretais supera o 80%
Entre as cuestións que quedan por aclarar, figura o borrador de decreto polo que a Xunta proxectaba limitar a plantación de eucalipto en 19 concellos do centro-sur de Lugo e na provincia de Ourense. Tamén está aínda sen concretar o futuro dos montes veciñais conveniados coa Administración. Medio Rural proxecta cancelar tódolos convenios nos próximos anos e ofrecer a sinatura dun novo contrato de xestión, que aínda non presentou.
En definitiva, o Plan Forestal presenta uns obxectivos claros, pero queda por definir a folla de ruta, que probablemente se plasmará en parte a través dos Plans de Ordenación de Recursos Forestais (PORF) cos que se quere dotar a cada Distrito Forestal. A idea é que estean todos os PORF funcionando nun prazo de dez anos.
Aumento da produtividade
Outro dos cabalos de batalla do Plan Forestal é o aumento da produtividade. A Xunta quere duplicar a madeira que se corta en Galicia sen a penas aumentar a superficie forestal. Un dos problemas do sector forestal da comunidade é que a porcentaxe de aproveitamento da madeira é escasa. De cada 100 toneladas de madeira que medran no monte galego, só se cortan 53. En países con importancia madeireira, como Finlandia, Suecia ou Portugal, a taxa está por riba do 80%.
En Galicia, nas plantacións de piñeiro e eucalipto, córtanse arredor de 65 toneladas de cada 100 que medran no monte. O problema principal, desde unha perspectiva de produción sostible, rexístrase coas frondosas, nas que a taxa de corta non supera o 15%.
Decreto de masas de frondosas consolidadas
A Xunta presentou tamén no Consello Forestal un borrador de decreto sobre masas frondosas consolidadas. O obxectivo é que nas masas de frondosas caducifolias de alomenos 20 anos e 15 hectáreas, unha maioría dos propietarios poida solicitar a inscripción da masa nun rexistro de masas de frondosas consolidadas, coa idea de facer unha xestión en conxunto.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta