PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Un perfume que recolla a esencia da Ribeira Sacra

Sol Zamuz Castro explica neste artigo o proxecto para sintetizar nunha fragancia «os aceites esenciais, compostos fenólicos e aromas que definan o que temos dado en chamar o recendo da Ribeira Sacra»

Paisaxe da Ribeira Sacra

Recoller nun perfume o recendo dos viñedos e da vexetación da Ribeira Sacra. Esta é a idea que as biólogas Sol Zamuz Castro e Iria Rodríguez Vega veñen de concretar no proxecto “Recendo dunha terra milenaria”.

A iniciativa foi finalista no primeiro concurso de ideas empresariais organizado pola asociación Semente de Monforte, que se puxo en marcha o pasado ano. De momento buscan financiamento para o seu proxecto que xa despertou o interese do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e dalgunhas empresas como Caurelor, con sede en Quiroga e dedicada á elaboración de marmeladas e conservas, e Ravetllat-Aromatics, unha empresa catalá especializada na elaboración e comercialización de perfumes.

A continuación achegamos un extracto da conferencia que ven de pronunciar Sol Zamuz no Centro do Viño da Ribeira Sacra baixo o título “Recendo da Ribeira Sacra: O interese dos compostos biosaudábeis”.

PUBLICIDADE

Na composición destes recursos vexetais interveñen numerosas substancias, entre as que destacaremos os compostos fenólicos, os compostos aromáticos e os aceites esenciais, por contribuír ás súas propiedades organolépticas –é dicir, á cor, ao sabor, ao olor, á textura- e definir o seu recendo propio; permiten coñecer a que hule a Ribeira Sacra.

Co noso proxecto pretendemos extraer estes compostos das mostras vexetais recollidas na contorna e identificar aqueles que van definir o recendo da Ribeira Sacra; a partir destes compostos elaborarase unha esencia que será a base para a fabricación de produtos de perfumería, cosmética e ambientación cunhas características definitorias da Ribeira Sacra, pero tamén mostos, meles, licores, aceites, marmeladas e outras conservas que non só terían estas características senón tamén propiedades beneficiosas para a saúde. En efecto, son ben coñecidas as propiedades dalgúns destes compostos coñecidos como bioactivos pola súa elevada actividade antioxidante.

Finalmente, aspiramos á creación da marca de calidade RECENDO DA RIBEIRA SACRA que ampararía non só a estes produtos, senón tamén a outros bens culturais producidos na zona, e que sería un excelente reclamo turístico.

Ademais, trataremos tamén de analizar aqueles subprodutos que, como o bagazo ou o alpechín, conteñen compostos de utilidade na industria farmacéutica, na alimentación ou na medicina. E pretendemos conseguir que moitas das empresas que elaboran hoxe na Ribeira Sacra, confíen no noso proxecto na busca de novas propiedades que permitan dotar de valor engadido aos seus produtos.

PUBLICIDADE

É dicir, que o noso proxecto ten dous enfoques ben diferenciados; por un banda, a busca dos compostos que van permitir crear a esencia base para a elaboración de novos produtos comerciais, e por outra, ofertar un servizo de análises bioquímicos e asesoramento para que as empresas agroalimentarias que xa están asentadas na Ribeira Sacra podan coñecer a composición dos seus produtos e levar a marca RECENDO DA RIBEIRA SACRA.

Ribeira_Sacra _03_standar

Ribeira Sacra

Pretendemos buscar sinerxías e colaboracións. Neste sentido, trataremos de implicar na difusión e comercialización dos produtos aos establecementos hostaleiros da zona, hoteis, casas de turismo rural, balnearios e outras infraestruturas turísticas como o Centro do Viño da Ribeira Sacra, os catamaráns, o tren turístico Aba Ribeira Sacra; e, por suposto, adegas e outras iniciativas comerciais da zona.

Sen dúbida, unha das principais oportunidades para o desenvolvemento do noso proxecto é a fortaleza do sector vitivinícola e o forte potencial turístico da Ribeira Sacra.

PUBLICIDADE

Pero nesta comarca existen outras iniciativas empresariais ligadas ao sector agroalimentario e a produción ecolóxica de meles, conservas, confeitos, cogomelos, aceites,… coas que tamén debemos buscar sinerxías. Nestes sentido, o apoio por parte de organismos públicos como o Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, e por empresas tanto implantadas na zona (Caurelor) como foráneas (Ravetllat Aromatics SL), polas posibilidades que abre poñer no mercado novos produtos provistos dunha marca de calidade, é unha fortaleza importante.

Ademais, contamos co respaldo de tres grupos da investigación cunhas liñas de traballo enfocadas a extracción, separación e identificación de diferentes compostos en mostras agroalmientarias –entre outras- cos que contamos para levar a cabo a parte estritamente técnica do proxecto: Bioquímica da Vide (Misión Biolóxica de Galicia-CSIC), Química Analítica Alimentaria e Ambiental (Universidade de Vigo -Campus de Ourense) e Cromatografía e Quimiometría (Instituto de Investigación e Análise Alimentaria, Universidade de Santiago de Compostela).

Ver todas as noticias de portada lista 2

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *