A adega da denominación de orixe Monterrei, xestionada por Martín Códax a través dun acordo coa cooperativa propietaria, oriéntase á elaboración de brancos de calidade.

A estratexia de diversificación e expansión de Martín Códax levou a esta adega cooperativa de Rías Baixas a emprender un proxecto na denominación de orixe Monterrei, onde chegou a un acordo de colaboración coa cooperativa local Terras do Cigarrón no 2009. Desde aquela, Martín Códax ocúpase da xestión completa da viticultura e enoloxía dos viños de Terras do Cigarrón, orientándose á elaboración de brancos de calidade baseados na uva godello.
A adega salienta o gran potencial e diversidade da denominación de orixe Monterrei, na que apostou por explorar diferentes posibilidades de elaboracións con uva godello. Nunha primeira etapa, Martín Códax centrouse nos monovarietais de godello, para o que buscou complementar os viñedos existentes no val, a uns 400 metros de altitude, con novos viñedos propios a máis de 700 metros, na procura dunha frescura que acompañase a maduración e calidez dos viños do val.
Co paso dos anos, a adega optou por adentrarse en viños máis complexos, incorporando a crianza sobre lías e outras variedades como a treixadura.
O resultado son viños xa multipremiados e cun recoñecemento internacional, como o Mara Martín e o Terras do Cigarrón, godellos 100%, ou o Mara Moura, un godello elaborado a partir dos viñedos de ladeira que se acompaña dunha pequena porcentaxe de treixadura, unha uva que lle aporta notas florais e minerais. Co Mara Moura faise unha crianza sobre lías e desde Martín Códax destacan o seu gran potencial de garda.
O proxecto de Martín Códax en Monterrei arrancou cunha produción anual de preto de 200.000 botellas, se ben foi medrando de xeito progresivo e na actualidade Terras do Cigarrón ten capacidade para producir un millón de botellas anuais. “Este crecemento permítenos expandirnos non só a nivel nacional, senón levar o godello a países que ata hai pouco nin sequera o coñecían”, destacan na cooperativa.
De cara ó futuro, a adega aposta por continuar no camiño de consolidar o godello como un viño branco de calidade, un traballo que se acompañará de elaboracións con novas variedades.
Outra das liñas de traballo propio de Martín Códax en Terras do Cigarrón pasa pola recuperación da uva bastardo (merenzao), unha variedade autóctona coa que está a elaborar un viño rosado fóra da denominación, o Mara Moura Rosado, do que polo de agora fai unha edición limitada dun milleiro de botellas. Nos próximos anos, a adega proxecta plantar alomenos unha hectárea de merenzao, de cara a aumentar a produción.
Desde Martín Códax destacan valores da merenzao como a súa frescura e o compoñente mineral e especiado. A súa escasa cor e a pel fina converten á uva en ideal para a elaboración de viños rosados.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta