Este venres presentouse na Praza de Abastos de Lugo a marca de garantía Pastores de Galicia, cun showcooking e unha xornada de degustación para poñer en valor a calidade diferenciada do cordeiro e do cabrito de Galicia. A Deputación de Lugo apoia a Ovica nesta iniciativa

Este venres celebrouse na praza de Abastos de Lugo o acto de presentación da marca de garantía Pastores de Galicia. Este novo selo, impulsado pola Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), distingue no mercado a carne de cordeiro e de cabrito producida no país.
O acto de presentación contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, quen salientou a aposta do goberno provincial por impulsar o consumo desta carne de calidade.
O organismo provincial colaborou tamén no lanzamento da marca Pastores de Galicia co financiamento do acto de presentación pública, que incluíu un showcooking e degustación entre o público para dar a coñecer as propiedades da carne, material gráfico como carteis e dípticos, así como a elaboración dun vídeo divulgativo, que foi creado pola Fundación TIC.
Marca de garantía
A marca “Pastores de Galicia” ten por obxectivo recoñecer o valor do “año e cabrito do país” producido en Galicia dun xeito artesanal e propiciar a profesionalización de todo o sector, de xeito que os gandeiros e gandeiras acaden unha maior renda, que poida repercutir en novos investimentos nas súas granxas. Ademais, vén a paliar o descenso tanto do consumo como da produción deste tipo de carne que se produciu nos últimos anos, debido á falta de relevo xeracional entre os produtores.
Vídeo gravado nas explotacións lucenses
Por outra parte, ven de publicarse un vídeo que promociona a marca Pastores de Galicia e que foi gravado por un equipo da Fundación TIC en varias explotacións da provincia, en concreto, nos Concellos de Friol e Guntín. Nel amósase o xeito especial de crianza e alimentación natural baseado no pastoreo, que empregan os criadores lucenses integrados nesta marca.
Precisamente, con este audiovisual os responsables do selo queren por en valor e darlle maior visibilidade a esta práctica natural de crianza que, segundo apuntan, marca a diferencia coa que se está a empregar noutras zonas produtoras de gando ovino e cabrún.
Xunto ao dirixente provincial, participaron no acto de presentación da marca Pastores de Galicia a Concelleira de Participación Cidadá de Lugo, Rosana Rielo; a presidenta de OVICA, María del Carmen Fernández; a Presidenta da cooperativa Vélaro, asociada a OVICA, Vanessa Díaz; e un dos técnicos do colectivo e enxeñeiro agrónomo, Carlos Alberto Rodríguez. Os representantes institucionais tamén participaron na showcooking con degustación que estivo conducida polo cociñeiro Rubén García.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta