A reconsideración das graxas lácteas, que deixaron de ser vistas como perxudiciais a nivel cardiovascular, é un dos factores que permitiu o repunte

A manteiga caíu en picado nos Estados Unidos a partir dos anos 50, véndose daquela superada pola margarina. As recentes conclusións científicas, apuntando a que o consumo das graxas lácteas non semella perxudicial a nivel cardiovascular, están a facer que nos últimos anos a manteiga teña unha demanda en lixeiro ascenso. Esa circunstancia, unida ó desplome do consumo de margarina, fixo que por primeira vez en 50 anos, en Estados Unidos se consuma máis manteiga que margarina.
O cambio de imaxe da manteiga mereceu unha portada da prestixiosa revista Time, que hai un par de anos titulaba ‘Come manteiga: os científicos etiquetaran a graxa como inimiga. Por que estaban errados?’.
Durante anos, as graxas saturadas consideráronse perxudiciais sen máis para a saúde cardiovascular. As últimas investigacións demostraron, sen embargo, que non todas as graxas saturadas son iguais, pois as dos lácteos semellan non ter eses efectos perxudiciais.
Margarina
A margarina, un produto elaborado a partir de aceites vexetais hidroxenados, atravesou o proceso contrario que a manteiga e entrou no punto de mira dos científicos. En Estados Unidos hai unha ofensiva contra o consumo de graxas trans, como as da margarina, polos seus efectos perxudiciais na saúde.
A preocupación dos consumidores pola saúde está a levar ó lanzamento de produtos como margarina sen graxas hidroxenadas, en tanto que na manteiga nos Estados Unidos xa se comercializan manteigas sen sal, sen lactosa ou ecolóxicas.
Na área mediterránea, como é o caso de España, a manteiga é un produto residual, pois a graxa por excelencia é o aceite de oliva, pero nos países do centro e norte de Europa, así como en Estados Unidos, o seu consumo, máis habitual, segue unha liña ascendente.
Prezos
A boa demanda da manteiga é un dos factores que explican os altos prezos históricos que está a acadar a súa cotización internacional, levando todo o 2017 por riba dos 400 euros cada 100 quilos, cando ata mediados do 2016 estaba en picos por abaixo de 250 euros por 100 quilos.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta