Os piñeirais de Ourense e do sur de Lugo, os máis vulnerables ós incendios de copas, segundo conclúe unha tese de doutoramento de José María Fernández, da Escola de Enxeñería Forestal (Uvigo)

Cando un incendio forestal acada a intensidade suficiente para pasar do mato a prender na copa dunha árbore, o risco do lume aumenta, pois en condicións de vento suficiente, as lapas pasarán de copa en copa e queimarán a masa forestal na súa totalidade, podendo afectar a grandes extensións de terreo. Unha tese doutoral de José María Fernández (Escola de Enxeñería Forestal, Uvigo) analiza as perspectivas dos lumes de copa nas masas de piñeirais de Galicia e conclúe que este tipo de incendios agravarase co cambio climático.
A investigación permitiu determinar as áreas que presentan os maiores riscos, que se corresponden cos piñeirais da montaña ourensán e cos do sur de Lugo. Fernández incide en que a influencia mediterránea do clima no interior, unida á tendencia ascendente das temperaturas, levan a que o índice de risco de lumes se vaia ir agravando no interior de Galicia co paso do tempo, segundo conclúen as simulacións realizadas para a tese. Outro factor a ter en conta é o proceso de abandono do rural, “coa conseguinte acumulación de combustibles forestais”.
O piñeiro silvestre, ubicado nas zonas de maior altitude, con máis vento, é o máis propenso a sufrir lumes de copas
PUBLICIDADE
A especie máis susceptible de sufrir os lumes de copas é o piñeiro silvestre, tamén coñecido como piñeiro rubio, que se dá en Galicia nas zonas de maior altitude, nas que a forza do vento contribúe en maior medida á propagación das lapas. “Dentro dun mesmo monte, as zonas máis vulnerables apareceron en áreas onde a velocidade do vento é maior e as árbores teñen unha menor altura, así como nos terreos solleiros”, conclúe o investigador, que desenvolveu a súa tese no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, baixo a dirección de José Antonio Vega.
Medidas de prevención
Os lumes de copas caracterízanse polo seu maior impacto económico e ecolóxico, pola dificultade da súa extinción e por un maior risco para os núcleos de poboación. A identificación das áreas máis propensas a sufrir este tipo de lumes ten o interese de permitir unha mellor planificación das tarefas de prevención.
No marco da súa tese doutoral, Fernández comprobou a eficacia de tratamentos preventivos como a roza do mato, a poda dos exemplares máis grandes, co triturado dos restos, ou a corta das árbores máis pequenas. “Son todas elas medidas eficaces para previr este tipo de lumes, xa que as masas forestais nas que se levaron a cabo amosaron unha mellor resistencia a un incendio”, relata o investigador en nota de prensa divulgada pola Universidade de Vigo.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta