A sinistralidade e as enfermidades profesionais afectan ás traballadoras do sector agropecuario, un colectivo vulnerable que esixe maior protección e recoñecemento. O Sindicato Labrego Galego, co financiamento da Consellería de Emprego Comercio e Emigración, está a desenvolver a campaña TRABALLA SEGURA, unha campaña a prol da saúde laboral das mulleres labregas cuxo obxectivo é reducir os riscos laborais e enfermidades profesionais no sector agrario. Para máis información contacta co teu local do Sindicato Labrego Galego de referencia

O sector agropecuario, un piar fundamental da nosa economía e sociedade, esconde unha realidade preocupante: as mulleres que traballan nel enfrontan riscos laborais que comprometen a súa saúde e benestar. Segundo a Organización Internacional do Traballo (OIT), o sector agrícola é un dos sectores con máis riscos laborais, só superado pola minaría e a construción. Este sector caracterízase por unha alta porcentaxe de traballadores temporais e a frecuente participación de familiares nos traballos. As mulleres, a pesar de representar unha porcentaxe menor da forza laboral neste sector, teñen unha taxa de incidencia de enfermidades profesionais e accidentes laborais significativa e require unha atención urxente.
Un problema invisible
A invisibilidade das mulleres no campo contribuíu a que os seus problemas laborais queden relegados a un segundo plano. A miúdo, as súas tarefas son consideradas como unha extensión dos labores domésticos, o que dificulta o recoñecemento dos riscos a que se expoñen e a aplicación de medidas de prevención adecuadas. Como consecuencia, as traballadoras non reciben a compensación nin a protección adecuada por parte das mutuas ou da seguridade social. A lexislación vixente mostra unha preocupante falta de atención á especificidade do sector agrario e, dentro deste, ás particularidades da muller labrega.
A realidade das traballadoras autónomas
Moitas labregas son traballadoras autónomas, unha condición que agrava a súa precariedade. A idea de que, por seren autónomas, poden organizar o seu tempo con flexibilidade non se corresponde coa realidade diaria do agro, onde os ritmos de traballo veñen marcados polas necesidades da terra e os animais.
“Malo será” que non atopen tempo, adoitan escoitar estas traballadoras, ignorándose que moitas das súas tarefas non poden pospoñerse. Este concepto erróneo invisibiliza o seu esforzo e subliña a falta de protección para un colectivo que debe realizar traballos pesados, a miúdo sen dereitos básicos de conciliación nin protección adecuada en caso de enfermidade ou accidente.
Existe unha gran división entre o traballo produtivo e o reprodutivo, valorizando só o primeiro e menosprezando o segundo. No caso das labregas, moitos dos proxectos están localizados no lugar onde residen, o que leva a que as súas actividades sexan vistas como unha extensión do traballo doméstico. Esta percepción fai que o seu labor non teña o recoñecemento necesario e, polo tanto, non se considere que poidan sufrir enfermidades ou accidentes laborais.
As labregas enfrontan diversos riscos que afectan de xeito desproporcionado a súa saúde:
As longas xornadas laborais, a presión por cumprir prazos, o illamento social, a discriminación e a precariedade laboral contribúen ao estrés e a ansiedade
As mulleres labregas deben recibir formación continua sobre os riscos específicos que enfrontan, así como sobre as medidas preventivas e os seus dereitos laborais
PUBLICIDADE

É hora de actuar!!
A situación das mulleres no sector agropecuario require unha resposta urxente. Non se trata só de implementar medidas preventivas, senón de recoñecer as súas necesidades específicas como traballadoras. É unha obrigación legal recoñecer o labor que realizan, así como os riscos laborais e as enfermidades asociadas, garantindo a protección adecuada e os dereitos laborais que lles corresponden.
Protexer ás traballadoras agrarias debe ser unha prioridade ineludible para tódolos actores involucrados
O camiño cara a un futuro máis xusto e seguro no sector agropecuario galego pasa necesariamente polo recoñecemento e a valorización do papel fundamental das mulleres que traballan nel. Asegurarlles condicións de traballo dignas e equitativas non só é unha cuestión de xustiza social, senón tamén un investimento estratéxico no desenvolvemento sostible da agricultura. A protección da saúde e seguridade das labregas é un dereito fundamental, e o seu cumprimento é responsabilidade compartida entre empregadores, traballadoras e autoridades.
É imperativo visibilizar as dificultades que enfrontan e, máis aínda, actuar decididamente para mellorar as súas condicións laborais. Desde a avaliación e adaptación de riscos específicos (especialmente para mulleres embarazadas ou lactantes), ata a provisión de Equipamentos de Protección Individual (EPIs) adecuados á fisionomía feminina, é necesario por en marcha medidas que prioricen a seguridade e o benestar das nosas labregas. Ademais, a formación e información continua sobre os riscos laborais e os dereitos das mulleres, xunto coa promoción de políticas de conciliación, son pasos imprescindibles cara á equidade.
Avanzar na visibilidade e o recoñecemento legal destas mulleres non só contribuirá á xustiza laboral, senón que tamén fortalecerá o sector agropecuario no seu conxunto, garantindo un contorno de traballo máis seguro e xusto para todas. O futuro da agricultura galega depende da saúde e o benestar dos que a fan posible. Por iso, protexer ás traballadoras agrarias debe ser unha prioridade ineludible para tódolos actores involucrados.
Acometer unha transformación real na protección dos dereitos das labregas e unha lexislación en materia de prevención de riscos laborais que se adapte ás peculiaridades do noso territorio, recoñecendo a realidade do traballo rural na Galiza, garantirá un futuro máis equitativo e sostible. Non abonda con cumprir a normativa estatal; convén que esta sexa sensible ás particularidades dun contexto marcado pola dispersión xeográfica, o illamento e a escaseza de recursos.
As políticas de prevención non poden seguir sendo deseñadas desde unha perspectiva urbana e masculina. Deben axustarse ás condicións reais das mulleres que traballan no rural galego, moitas veces ignoradas a pesar de seren o auténtico motor das granxas. O recoñecemento da súa labor e a adaptación das normativas aos desafíos que enfrontan é clave para mellorar a súa calidade de vida e fortalecer o sector no seu conxunto.
Asegurar un marco normativo que responda a estas necesidades é unha responsabilidade colectiva que non pode ser adiada.

De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta