As organizacións agrarias advirten de que será necesario flexibilizar a xustificación da PAC, como xa se fixo outros anos. Demandan solucións ante o aumento de custos que lle espera ás granxas de leite, que se verán obrigadas a mercar máis penso, cereais e forraxes

O escenario que deixou o temporal, con campos de millo arrasados antes do ensilado, está a quitarlle o sono ás granxas. O millo é básico para cubrir a alimentación animal das ganderías ao longo de todo o ano, polo que as explotacións máis afectadas veranse na obriga de aumentar no 2025 as compras de pensos, forraxes e cereais.
O problema non conclúe aí, xa que os campos anegados, con previsión de novas choivas para a semana, impedirá nalgúns casos a sementeira outonal da herba, o que pode representar a perda doutra fonte de alimentación para as granxas.
Unha terceira cuestión que condicionarán os temporais é a xustificación da PAC por parte das granxas afectadas, pois as boas prácticas ambientais (condicionalidade) obrigan a que as terras de millo se roten cun cultivo de inverno, algo que este ano non será posible en parte das parcelas. Tamén queda en cuestión o ecorrexime con especies mellorantes naqueles casos nos que non se poida facer a sementeira.
Desde o sector, perciben que a cuestión da PAC debería ser en principio a máis sinxela de resolver, se hai vontade política. Resumimos a continuación as principais demandas que trasladan Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga.
Por parte de Medio Rural, a Consellería mantivo hoxe unha reunión coa Asociación Galega de Cooperativas. No encontro, púxose de manifesto que só un 20% da superficie galega de millo conta este ano con póliza de seguro, malia que o seu custo tiña un 75% de subvención pública.
Unións Agrarias
Unións Agrarias demanda, en primeiro lugar, que se flexibilice a xustificación da PAC nas ganderías, pois advirte de que parte das parcelas están anegadas e non será posible nelas nin retirar o millo nin sementar as praderías de outono.
En segundo lugar, Unións incide nas graves consecuencias que deixa o temporal para a viabilidade de moitas explotacións, pois estima que a contratación do seguro agrario do millo ronda o 20%, co cal a maioría de afectados vense sen cobertura.
A organización agraria advirte de que a perda da base da alimentación para as ganderías de vacas de carne ou leite vai forzalas a acudir masivamente aos mercados de pensos e concentrados para poder manter as granxas, co aumento de custos que iso xerará.
Por ese motivo, a organización agraria considera preciso solucións, ben en forma dunha liña de axudas, ben compensando o aumento dos custos vía aumento de prezo das producións lácteas e cárnicas.
No ámbito da agricultura, Unións advirte ademais da necesidade de buscar solucións para a pataca da Limia, pois se o asulagamento das terras non permite a súa colleita, as perdas serán masivas.
Outra cuestión que deixa o temporal é a das infraestruturas rurais. “Será preciso un plan de choque da Xunta para reconstruír pistas, camiños e canalizacións que quedaron seriamente danados”, demandan.
Sindicato Labrego Galego
O Sindicato Labrego advirte un impacto importante en todas as producións agrarias, tanto en millo e praderías como nas patacas ou na horta.
“Urximos á Consellaría do Medio Rural a facer unha valoración global para determinar as perdas provocadas pola borrasca Kirk e artellar mecanismos para compensalas. Neste senso, solicitamos especificamente que se valore a declaración de zona catastrófica nas áreas afectadas”, demandan.
A organización advirte tamén de problemas a futuro, no tocante á condicionalidade e ecorreximes da PAC, “xa que se non se dá entrado nos prados para recoller o millo non se vai poder iniciar o cultivo posterior correspondente”.
En vista da situación, o Sindicato Labrego chama a atención sobre o aumento das vulnerabilidades que trae o cambio climático sobre o modelo agrario galego, baseado en “monocultivos e na mobilidade global da súa produción (leite, carne, viño, pataca)”, valoran.
“A seguridade alimentaria real só pode ser garantida a través dunha planificación produtiva diversificada, obtida en base á agroecoloxía e ca soberanía alimentaria dos pobos como marco de desenvolvemento”, reclaman.
Entrando nos danos no rural, a organización agraria cuestiona os cortes no subministro eléctrico que sufriron determinadas comarcas, como o Deza, pois “nin a calidade das infraestruturas é a axeitada nin existe quen se faga responsable das eivas”.
O Sindicato Labrego considera ademais que as consecuencias do temporal empeoraron pola mala situación dos leitos dos ríos, “que están cheos de canas, broza e ás veces lixo”. Nese sentido, reclaman un cambio de proceder de Augas de Galicia que reduza a burocracia e permita as rozas e a retirada de pólas sen atrancos administrativos.
Asaga
O presidente de Asaga Galicia, Francisco Bello, considera que “a repercusión da borrasca nos costes de producción das explotacións agrarias e gandeiras vai ser tremendo”. “No momento da chegada da borrasca, o millo non valía para recoller porque aínda non estaba no punto óptimo, e o que queda está arrasado, as máquinas non o van poden recoller”, explican desde Asaga.
Os danos causados, considera Bello, “son de moita importancia e teñen que ser tomados en conta” porque, explica, “a repercusión nos costes de producción das explotacións agrarias e gandeiras, durante todo o inverno, vai ser grande” polo que “se debería estudar a posibilidade de habilitar as axudas que foran posibles desde as diferentes administracións”.
Para o presidente de ASAGA, a declaración de zona catastrófica “pode ser una posibilidade para que as axudas cheguen aos afectados”, pois sinala que os seguros agrarias de millo eran escasos no campo.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo hoxe unha reunión con representantes da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). Na xuntanza, na que participaron, por parte de Agaca, a súa presidenta, Carmen Rodríguez, e o seu director xerente, Higinio Mougán, avaliáronse entre outros asuntos os danos ocasionados polo temporal Kirk no agro galego. Ademais, púxose de relevo a importancia dos seguros agrarios para afrontar este tipo de continxencias.
Neste sentido, Medio Rural subliña que destinou no 2024 un total de 8,5 millóns de euros a fomentar a contratación de seguros agrarios a través dunha liña de axudas que este ano, como novidade, podía chegar a cubrir ata un máximo do 75% do custo da póliza, sumando os fondos autonómicos e estatais destinados a esta finalidade. Ademais, as pólizas contratadas por entidades asociativas de agricultores e gandeiros contan cun 4% adicional de achega.
No transcurso da reunión, Agaca trasladou que só o 20% do millo forraxeiro galego ten agroseguro -case a metade dos mesmos impulsados e tramitados polas cooperativas agrarias-, polo que se considera preciso mellorar as condicións das pólizas deste agroseguro, así como doutras liñas, para estender as coberturas aos agricultores e gandeiros galegos ante as diferentes eventualidades que poden chegar a sufrir. Unha cuestión que desde a Xunta de Galicia se comparte e se trasladará, tamén, ante a Entidade Estatal de Seguros Agrarios (ENESA), dependente do Ministerio de Agricultura.
O temporal arrasa fincas de millo sen ensilar por toda Galicia
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta