Cervezas Estrella Galicia lanza a nova Milk Stout, elaborada con ingredientes obtidos a partir de leite de vacas criadas en granxas 100% galegas, como Pena Guisande, cuxas vacas se alimentaron do bagazo de Estrella Galicia. Esta nova edición especial lánzase a partir de hoxe cuns 20.000 litros á venda.
O bagazo é o principal subproducto derivado do proceso de elaboración da cervexa, consistente na parte insoluble do mosto cervexeiro, principalmente cebada, e tamén é o alimento das vacas que producen o leite a partir da cal se elabora o soro que se emprega na fabricación desta nova cervexa.
Trátase dunha cervexa de estilo Milk Stout cuxo principal trazo é a presenza de lactosa, ingrediente que se incorporou a algunhas cervexas a principios do século XX para achegarlles novos valores nutritivos e enerxéticos.
No caso da nova Milk Stout, a lactosa engádese na caldeira de ebulición para proporcionar unha textura sedosa e unha escuma cremosa de cor beige. Tamén están presentes nesta receita as maltas tostadas, que lle outorgan unha cor marrón escura con reflexos rubí. O lúpulo Huell Melon, pola súa banda, achégalle matices afroitados e resinosos. O resultado é unha cervexa de corpo lixeiro e textura suave, cunha entrada lixeiramente doce, que dá paso a un sabor torrefacto e un final seco.
“Con esta elaboración, logramos un produto cun significado moi especial, tanto polo valor dos produtos de proximidade que utilizamos para a súa elaboración como polo resultado final. A súa textura cremosa e os seus toques doces sorprenderán aos amantes da cervexa e aos que non o son tanto, que se atoparán cunha cervexa que pode adaptarse a todos os gustos”, comenta Luís Alvar, mestre cervexeiro de Estrela Galicia.
Para este proxecto, Fábrica de Cervezas Estrella Galicia contou coa colaboración de varias empresas galegas. Galacteum, a industria láctea da coopeativa AIRA, foi a encargada de desenvolver o proceso, unha innovación pola cal a lactosa incorpórase en forma de soro, proporcionado pola queixería Celega. Para a súa obtención utilízase leite procedente de granxa galegas baixo a coordinación da cooperativa Aira. Unha destas granxas que integran a cooperativa é Pena Guisande, cuxas vacas se nutren do bagazo que lle fornece Estrella Galicia. Con este proceso, garántese que o leite utilizado é de orixe 100% galego e local.
Milk Stout, de Fábrica de Cervexas Estrela Galicia, estará dispoñible a partir de hoxe, con preto de 20.000 litros que estarán á venda nunha selección de locais de hostalería e alimentación e a través da tenda en liña da compañía: https://bigcrafters.com/
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta