Entrevista a Jud Heinrichs, profesor na Universidade de Pensilvania e co-inventor de Penn State Forage e TMR Particle Size Separator. Recentemente participou no congreso de ANEMBE en Vigo e nunha xornada organizada por Alltech no CIAM

Jud Heinrichs é un dos investigadores máis prestixiosos a nivel internacional en estudo da alimentación de gando vacún de leite. Profesor na Universidade de Pensilvania, é o co-inventor de Penn State Forage e do TMR Particle Size Separator, dous instrumentos utilizados por moitos nutrólogos e gandeiros en todo o mundo para coñecer o valor estrutural das forraxes dunha maneira sinxela e barata.
Recentemente participou no congreso de ANEMBE en Vigo e nunha xornada organizada por Alltech no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).
No teu relatorio falaches da importancia do tamaño de partícula no corte do millo e da herba durante o ensilado para que a vaca poida aproveitar ao máximo o valor estrutural da fibra da forraxe para garantir saúde ruminal e incrementar a produción de sólidos no leite, especialmente graxa. Cales serían os tamaños recomendados?
Para o silo o tamaño ideal sería entre un mínimo de 4 e un máximo de 19 mm pois desa forma mellórase tamén moito a mestura da ración, aforrando tamén tempo na execución da mestura. Ademais, a fibra é moito máis efectiva.
Cales serían as claves no manexo das forraxes para aumentar a produción de graxa no leite?
A clave é lograr que a fibra sexa dixestible: baixa lignina e alta dixestibilidade. Debemos centrarnos na dixestibilidade da fibra das forraxes.
Falas dunha proporción de alimentos na ración dun 50% de forraxe e dun 50% de concentrado. Cal sería a proporción ideal, falando de saúde ruminal?
A miña recomendación sería chegar a un 60% da materia seca da ración a partir de forraxe e o ideal ao 65%, e o resto de concentrado. Debería ser o obxectivo da ración. Pero para chegar a esa proporción deberiamos lograr forraxes de moi boa calidade.
En que calidades vos movedes en Estados Unidos en canto a silo de millo e silo de herba?
É moi parecido a aquí: en silo de millo un 30% de materia seca, un 45% de fibra neutro deterxente e unha proteína de entre o 7 e o 8%.
Temos a percepción de que en Estados Unidos a maioría das granxas contan con miles de vacas. Que hai de certo?
A maioría das gandarías de vacún de leite en Estados Unidos son de tipo familiar e non son ese tipo de granxas de miles de vacas. Si é certo que na costa Oeste poden ser máis grandes, pero a maioría das granxas de Estados Unidos localízanse nas rexións do centro e na costa Este e son de tipo familiar, de tamaño pequeno.
É certo que en California ou Arizona hai granxas de miles de vacas, pero a maioría en Estados Unidos son granxas familiares, e son explotacións igualmente competitivas.
Cal é a media de produción de sólidos no leite en Estados Unidos? Está a cambiar tamén o tipo de leite que pide a industria?
Cada vez prodúcese máis leite no mundo e o comercio cada vez é maior. O que pide a industria é leite con cada vez máis graxa e proteína porque é o que realmente ten valor e é o que ten cada vez maior demanda, non mover auga quente dun lugar a outro do planeta, iso sobra.
Que fortalezas e debilidades ves nas gandarías de vacún de leite de Galicia?
As fortalezas é ter boas forraxes e explotacións familiares. As vacas e o millo forraxeiro e o penso son os mesmos que en Estados Unidos. A clave é que os gandeiros participen na cadea de valor, industrializando o seu leite, porque iso dá estabilidade e maiores prezos do leite. Do contrario, son as industrias as que fixan as condicións de canto leite compran, a quen llo compran e a que prezo. Esa é a principal limitación para moitos gandeiros en todo o mundo.
É un paradoxo que mentres que os gandeiros cada vez teñen marxes cada vez reducidas as industrias lácteas logran récords de beneficios.
Jud Heinrichs impartiu no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unha xornada sobre mellora da calidade do leite a través da alimentación, que finalizou cunha demostración práctica do TMR Particle Size Separator, o separador de partículas do que é coinventor e que permite medir de forma sinxela e barata a calidade estrutural da forraxe.
O separador consiste nun caixón rectangular con 4 reixas no seu interior de distinto calibre, de entre 4 e 19 milímetros, que peneiran a forraxe ou a ración completa separando os compoñentes por tamaño de partícula.
Desta forma estímase a fibra efectiva de calquera ingrediente ou ración completa. O resultado final son 4 moreas con distintos tamaños de partícula, de maior a menor tamaño.
“O obxectivo é que a maior parte da forraxe estea nos montóns 2 e 3, para lograr niveis adecuados de fibra efectiva. Se a maior parte da forraxe está no montón 1, o de maior tamaño, a vaca terá que pasar moito tempo remoendo e baixará a inxesta de materia seca”, explicou Jud Heinrichs.
Os obxectivos aproximados para cada unha das peneiras, para o caso dunha ración total, son:
-Primeira morea (> 19 mm): aquí quedarían as partículas máis groseiras, aquelas que limitan a inxesta. Sobre a ración total, non debería representar máis do 8% do peso do total da mostra expresado en materia tal cal.
-O segundo e o terceiro montón, (entre 4-8 mm) deberían representar entre o 40 e o 70% do peso da mostra.
-No cuarto montón (<4 mm) que se corresponde co alimento máis fino, non debe representar máis do 40% do total. É o amidón da forraxe, que é mellor que estea repartido nas moreas 2 e 3.
Segundo Henrique Prado, representante de Alltech no noroeste peninsular, “o obxectivo é achegar os niveis adecuados de fibra efectiva para asegurar saúde ruminal, sen comprometer os niveis de inxesta e, por tanto, de produción”.

De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta