PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Xunta destinará 1,5 millóns aos agricultores afectados por fenómenos climáticos adversos

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reunirase cos alcaldes dos municipios ourensáns de Cenlle, Gabriel Alén, e de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez.

O Consello da Xunta aprobará en breve unha liña de financiamento para os agricultores afectados por fenómenos adversos, dotada con 1,5 millóns de euros para as anualidade 2017/2018.

Así o anunciou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, tras reunirse esta mañá cos alcaldes dos concellos ourensáns de Cenlle, Gabriel Alén, e de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, para avaliar os danos rexistrados en ambos municipios pola treboada de sarabia do pasado día 27 de agosto.

A titular de Medio Rural explicou tamén que a Xunta solicitaralle ao Goberno central a realización de desgravacións no IRPF para os agricultores damnificados. Así mesmo, avanzoulles que se lles dará prioridade a ambos concellos nos criterios de reparto das diferentes axudas da consellería.

PUBLICIDADE

Por outra banda, a conselleira incidiu na importancia dos seguros agrarios como fórmula para facer fronte a este tipo de situacións e lembrou que Medio Rural destina este ano 4,7 millóns de euros a financiar a contratación de pólizas.

A Consellería estuda se se pode declarar a zona de emerxencia nos concellos de Cenlle e Castrelo de Miño, os máis afectados pola saraiba

Na xuntanza, na que tamén participou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a conselleira explicou aos rexedores os resultados dos informes preliminares elaborados por técnicos de Medio Rural sobre a afectación do pedrazo nos cultivos de viñedo.

Segundo a Consellería “os estudos constataron que este fenómeno meteorolóxico adverso causou a rotura de ramas e follas, así como danos na pel das uvas e a caída de acios, que poden repercutir nunha diminución da cantidade de froito recollido, así como na redución da súa calidade”. Estes danos centráronse en ambos concellos de Castrelo de Miño e Cenlle, na comarca do Ribeiro, polo que a consellería está realizando os estudos pertinentes para determinar se procede solicitar a declaración de zona de emerxencia.

PUBLICIDADE

En todo caso, tamén se constatou, segundo Medio Rural, que “en explotacións pequenas ou que teñan bodega propia os danos poden reducirse cunha rápida recollida e estrullado da uva”. Por iso, por parte dos técnicos aconséllase acelerar a vendima, co fin de minimizar as consecuencias deste episodio adverso. Neste senso, a conselleira coincidiu cos alcaldes en que a uva que non se viu afectada ten unha excepcional calidade.

Os sindicatos agrarios, especialmente Unións Agrarias, o Sindicato Labrego e a Fruga, veñen reclamando dende o pasado mes de abril axudas directas para os viticultores e os gandeiros afectados polas adversidades climáticas, unha petición que ata o de agora non atendeu a Consellería do Medio Rural, alegando que serían ilegais as axudas directas e que a solución está na contratación de seguros. Porén, dende as organizacións agrarias replican que as pólizas non están adaptadas á realidade da viticultura en Galicia, polo que non resultan atractivas para os viticultores. Ademais, lembran que en setembro de 2016 a Consellería si aprobou axudas directas paras os viticultores da Ribeira Sacra afectados pola saraiba.

Ver todas as noticias de portada arriba dereita

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *