A comunidade de montes do Viso, en Redondela, detectou diversos puntos de verquido ilegal nos seus terreos, polo que decidiu organizar unha xornada aberta para a retirada de verteduras e lixo no monte veciñal en man común. O punto de encontro das persoas que queiran participar será o Cruceiro de Baltar a partir das 10:00 h da mañá deste sábado 5 de novembro. Aconséllase levar guantes de traballo e capacho, quen teña.
Nas últimas semanas, a comunidade de montes detectou un repunte dos verquidos, con ata tres novos puntos localizados en menos dun mes. Por iso, a comunidade decidiuse a convocar unha xornada de limpeza aberta, que sirva tamén como actividade de concienciación. Ao longo do ano, o monte veciñal do Viso celebra outras xornadas de participación, como a Día da Árbore, no que se adoitan facer plantacións de frondosas caducifolias no monte veciñal.
Para a actuación deste sábado 5 de novembro, de retirada de lixo e escombros, a comunidade de montes contará tamén coa colaboración do Concello de Redondela, que instalará un contedor na zona do Baltar e encargarse da posterior retirada do lixo recollido para proceder ao seu procesamento regulamentado.
En canto ós verquidos detectados, a directiva da comunidade de montes sinala que “desgraciadamente aínda perduran os malos costumes de considerar os montes como vertedeiros e cargar un carro de escombros e lixo para depositalos en calquera lugar”. Desde o monte veciñal lembran que este lixo pódese depositar en puntos limpos e contedores, “mesmo os electrodomésticos, mobles e voluminosos poden ser recollidos no noso concello por Urbaser só realizando unha chamada e concertando data de recollida. Polo tanto, resultan inexplicables estas actitudes incívicas”, lamentan.
Ante esta situación os comuneiros demandan da policía autonómica, os axentes ambientais e do Seprona unha maior presenza e control dos montes, sobre todo daqueles máis periurbanos e que son máis propensos a sufrir estes ataques. Dende a xunta directiva, mesmo se está avaliando a posibilidade legal de instalación de cámaras camufladas nos terreos comunais para poder identificar aos delincuentes que realicen estas actividades incívicas.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta