A organización Unións Agrarias reclama á Xunta de Galicia un plan de rescate para as arredor de 25.000 ganderías de vacún de carne existentes en Galicia – 8500 delas inscritas en Ternera Gallega Suprema- ante a situación crítica que atravesan polo forte incremento dos costes de produción, que non poden repercutir no prezo de venda dos becerros.
En concreto, a organización demándalle á Consellería do Medio Rural “a activación sen demora dunha axuda directa á renda das ganderías que lles permita dispoñer dun ingreso extra que garanta a súa viabilidade e faga que os gandeiros deixen de perder cartos”. Así, reclama que se aumente ao máximo as axudas do segundo pilar da PAC, as correspondentes a zonas desfavorecidas e de alta montaña e agroambientais, “unhas axudas que hoxe lles supoñen aos gandeiros galegos un ingreso duns 90 euros por hectárea, cando Europa permite pagar ata 400”.
“Facemos un chamamento para que esas axudas para o ano 2022 sexan do máximo que permite Europa”, indica a organización, que fai un chamamento á responsasbilidade para aproveitar ao máximo os fondos europeos e que permitiría ás ganderías percibir 4 euros por cada euro aportado pola Xunta.
Ademáis, Unións lembra que, alén destas axudas á renda, a viabilidade futura do sector pasa por unha aposta clara pola diferenciación e a posta en valor da carne galega. Nesa liña, a organización insta á Xunta de Galicia a “implicarse de xeito decidido para dar a coñecer á cidadanía as bondades da Tenreira Galega Suprema mediante unha campaña institucional de apoio que traslade á poboación as singularidades desta carne: un sistema de produción en extensivo que podemos defender en calquera lugar como beneficioso para o medio ambiente e un produto top que está a venderse a prezo de xenérico”.
Por último, UUAA considera que “a Lei de Cadea está a incumprirse de xeito sistemático na gandería de carne”, polo que lle esixe á Xunta que “poña en marcha un observatorio público de prezos que evite que os gandeiros galegos sigan vendendo por menos do que lles custa producir”.
A este respecto, a organización agraria advirte de que o custo dos pensos para alimentación do gando incrementouse nos últimos meses nun 23% e de que a próxima campaña de forraxe custaralles aos gandeiros galegos un 45% máis, debido á suba dos fertilizantes ou dos plásticos de uso agrícola.
“Así, se hai un ano os custos de produción das explotacións de carne de vacún galegas se situaban no entorno dos 5 euros por quilo, hoxe superan os 6; mentres que o prezo de venda da carne segue sen superar os 4,60 euros o quilo, o mesmo prácticamente que hai 30 anos”, conclúen.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta