A instalación, pioneira a nivel europeo, terá capacidade para procesar 80.000 toneladas de biomasa ó ano. Os promotores proxectan ter a primeira fase en funcionamento no 2017 e a instalación completa a inicios do 2019

O porto seco de Monforte acollerá unha planta que transformará os restos de corta de piñeiro e de eucalipto en biocarbón. A instalación contará cun total de 18 reactores para procesar a biomasa e terá capacidade para xestionar 80.000 toneladas de materia prima ó ano. A sociedade promotora da planta, Abiga, confía en iniciar as obras en breve para ter en funcionamento 6 dos 18 reactores no 2017. O resto da instalación estaría finalizada a comezos do 2019, segundo os plans iniciais.
A planta baséase nunha tecnoloxía desenvolvida por Ingalca, socio tecnolóxico do proxecto, que no 2010 montou en Valencia unha planta piloto para a obtención de biocarbón HTC a partir da biomasa.
O proceso de obtención do biocarbón imita de xeito acelerado á formación do carbón mineral na natureza. Os restos de corta son sometidos a altas presións, de ata 20 bares, e a temperaturas de 180 graos durante un periodo de 6-8 horas. Transcurrido ese periodo, os restos de corta, polas, casca e tocóns, quedan convertidos en biocarbón.
O biocarbón orientarase tanto ó consumo en fogar como o seu uso en centrais térmicas de produción de electricidade
O produto resultante do proceso, que se comercializará en forma de pellets de biocarbón, orientarase tanto a instalacións domésticas como a industrias e mesmo a centrais térmicas de produción eléctrica, que poderían sustituir parcialmente o carbón mineral por biocarbón.
O material presenta varias vantaxes en relación ó pellet tradicional de biomasa. O seu poder calorífico é de 23-24 megaxulios por quilo, ata un 40% superior ó do pellet, e cumpre coa normativa europea de biocombustibles, un requerimento que os pellets de biomasa elaborados con restos de corta normalmente non poden cumprir, polo que o habitual é que se fabriquen con puntal de piñeiro.
Biofertilizante
Outra cuestión a ter en conta é que o proceso nútrese de materia orgánica húmida, con independencia do seu grao de humidade. Durante a transformación da biomasa en biocarbón, esa materia deshidrátase e da auga resultante, rica en nitratos, potasio e outros minerais, obtense un concentrado que se tratará de comercializar como biofertilizante.
O proceso permitirá a obtención dun biofertilizante líquido que se tratará de comercializar para agricultura ecolóxica
Ingalca leva anos facendo probas do biofertilizante en colaboración co Instituto Valenciano de Investigación Agraria (Ivia) e conta con obter as homologacións pertinentes para o seu uso en agricultura ecolóxica.
Para nutrirse de materia prima, Abiga ten preacordos con empresas do sector forestal, se ben polo de agora non revela os seus nomes. En canto á comercialización do biocarbón, farase tanto a nivel nacional como internacional, tarefa para a que xa hai acordos estratéxicos con importantes compañías internacionais. Cando a planta estea a pleno rendemento, obterá 37.000 toneladas de biocarbón ó ano.
Presentación
O proxecto presentouse esta mañá na I Feira da Enerxía de Galicia, que se celebra no recinto feiral da Semana Verde, en Silleda. O acto contou coa participación, entre outros de Manuel Varela, de Abiga, sociedade promotora da planta; de María Luisa Hernández, de Ingalca, empresa socia tecnolóxica do proxecto, e do director xeral de Enerxía e Minas da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, que sinalou que a planta de biocarbón é un proxecto “innovador, de futuro e cuasi revolucionario”.
A planta estará ubicada no porto seco de Monforte nunha parcela de 40.000 metros cadrados e dará emprego directo a 20-25 persoas para a operación da instalación, sen contar co persoal que participe na recollida dos restos de corta no monte.
O recinto feiral da Semana Verde acolle ata mañá sábado a I Feira da Enerxía de Galicia. O evento, que terá carácter bianual, congrega nun dos pabellóns da Feira a expositores de enerxías renovables e convencionais, que abordan ámbitos como a eficiencia enerxética, o autoabastecemento, a electrónica industrial ou a iluminación.
Trátase dunha feira dirixida tanto para o ámbito industrial como para o fogar. Entre os produtos e servizos que se ofertan, figuran caldeiras de biomasa, pellets, sistemas de iluminación, equipos de xeotermia ou placas solares.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta