O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente publica o novo número do “Informe de Contratación do Seguro Agrario” do terceiro trimestre de 2016

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Entidade Estatal de Seguro Agrario (ENESA), publicou un novo Informe de Contratación do Seguro Agrario, correspondente ao terceiro trimestre de 2016, no que se dan a coñecer os datos da contratación nas liñas do Plan de Seguros Agrarios 2015 e 2016.
En Galicia destaca o aumento do 50% na contratación de seguro para millo forraxeiro así como a subida do 3,42% na liña 102 para vacún reprodutor e de recría.
No conxunto de España, e de acordo coa información recollida, constátase un aumento da produción asegurada nas liñas agrícolas de cultivos herbáceos extensivos e cítricos (18 e 13% respectivamente), así como nas liñas de hortalizas baixo cuberta e hortalizas primavera e verán, nas que tamén se observan resultados positivos na contratación. Nestas últimas, os datos son preliminares por permanecer aberta a contratación a data da elaboración da análise.
No ámbito gandeiro, todas as liñas mantéñense abertas, destacando os bos resultados da liña de vacún reprodutor e de gandería intensiva. Con todo, en liñas de vacún de cebo, ovino e equino continúa a tendencia descendente.
Tras o comezo da nova plataforma, o 1 de xuño, entraron en vigor novas modalidades e observouse unha estabilidade na contratación do seguro de compensación por perda de pastos e na liña de retirada e destrución de animais mortos.
Cultivos forraxeiros
Nesta liña asegúranse os cultivos forraxeiros, os pastos aproveitables a dente polo gando e a palla de cereais de inverno, aínda que as producións máis destacadas son a alfalfa, a veza forraxeira e o millo forraxeiro. As Comunidades Autónomas nas que a alfalfa alcanza maior importancia son Castela e León e Aragón. Así mesmo a veza forraxeira cultívase fundamentalmente en Castela e León e o millo forraxeiro está localizado maioritariamente en Galicia.
Unha vez pechada a contratación do Plan 2015, correspondente á colleita do ano 2016, asegurouse unha superficie de 46.505 hectáreas e unha produción de máis de 698.300 toneladas, que representan un incremento, respecto ao plan anterior, do 9 e 24% respectivamente.
As comunidades autónomas con maior capital asegurado son Aragón, Galicia, Estremadura, Castela e León e Cataluña , co 36, 20, 20, 16 e 8%, respectivamente, do total nacional. As comunidades autónomas nas que se rexistrou un maior aumento da produción asegurada, con respecto ao Plan 2014, son Estremadura, Aragón e Galicia, cun incremento do 125, 83 e 50%, respectivamente.
En canto ao aseguramento por Módulos, preto do 52% da superficie asegurada contratouse no Módulo P, un 47,9% no Módulo 2 , mentres que no Módulo 1 practicamente non hai contratación
Vacún reprodutor
As tres liñas que incorporaron a partir de xuño deste ano nunha soa denominada gando bovino de reprodución e produción mostran unha contratación consolidada, en considerable crecemento relativo para a liña 185 (un 44% máis) e repuntando outra vez na maioritaria 102 (+10%). Por CCAA a 185, sobe especialmente en Andalucía, Estremadura e Castela e León e unicamente mostra un lixeiro descenso en Galicia. A liña 102, con coberturas de danos máis individualizadas, ascende en Andalucía, Asturias e Cantabria, e con menos forza en Galicia e Castela e León. A liña de vacún de alta valoración xenética rexistra así mesmo avances nos animais asegurados para case todas as CCAA, con excepción de Asturias.

De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta