Esta gandería de Curtis (A Coruña) acaba de inaugurar hai pouco máis de 5 meses unhas novas instalacións nas que dispón de 4 robots de muxido Lely Astronaut A5. Coñecemos como foi a adaptación dos animais e as prestacións deste sistema para o muxido dun rabaño tanto de frisoas como de Jerseys

Hai pouco máis de 5 meses que a SAT A Campa de Curtis (A Coruña), comezaba a utilizar as novas instalacións, construídas a carón dunha das dúas granxas de alta produción de vacún de leite coas que conta no municipio. O cambio supuxo comezar a empregar un sistema de muxido robotizado e na xornada de onte, a granxa acolleu unha sesión de portas abertas para amosar o funcionamento dos robots de muxido Lely Astronaut A5 dos que dispón.
En concreto, nesta granxa contan con catro destes robots, que se encargan do muxido dun rabaño de vacas Holstein e Jersey que ronda os 250 animais. Separados en dous lotes, atendendo ás dúas razas, cada robot encárgase do muxido dunhas 60 vacas. Nestes meses, realizan unha media de tres muxiduras ó día por animal.
A adaptación das vacas a este sistema de muxido fíxose de xeito progresivo, comezando cun lote de arredor de 30 vacas ó que se foron sumando paulatinamente o resto dos animais. Isto permitiu que a adaptación fose moi rápida. “As vacas adaptáronse dende o primeiro momento sen ningunha dificultade. Ó principio, levoulles arredor dunha semana acostumarse pero agora cando metemos as xovencas, nun par de días están perfectamente adaptadas ó robot”, comenta Alberto Lamas, responsable da gandería.

O conselleiro de Medio Rural, José González, visitou as instalacións na xornada de portas abertas.
Lamas recoñece que unha das claves para a adaptación das vacas ó sistema automatizado é a tranquilidade dos animais. “Canto máis soas e tranquilas poidan estar, antes se adaptan”, concreta o gandeiro. Esta é tamén unha das vantaxes que presentan os robots Lely, ó posibilitar unha circulación libre e sen tráfico forzado do animal. “O robot permite que o animal entre recto e saia tamén recto o que facilita que se mova sen dificultades”, apunta Jaime Castro, do Servizo Técnico de Lely na Coruña.
“Contar con espazo suficiente é fundamental para facilitar que as vacas estean máis cómodas tanto nas camas como no robot. Neste caso dispoñen de entradas moi amplas que lle facilitan o acceso ó robot de muxido”, comenta a veterinaria e asesora de Lely, Yolanda Trillo. Ademais, nesta granxa tamén dispuxeron outras medidas que favorecen que a vaca acceda ó robot e o seu benestar. Así, á saída do robot, dispoñen de bebedoiros e tamén colocaron cepillos preto dos robots, a unha distancia suficiente para evitar colapsar a entrada ó muxido.

Na entrada ó robot, as vacas dispoñen dunha zona ampla onde agardar a súa quenda.
Para favorecer que a adaptación do gando fose máis progresiva, variaron o aporte de concentrado na ración, para que cando a vaca atope concentrado no robot de muxido non o rexeite. “Hai que baixar o concentrado da ración porque se non aínda que o atope no robot, vaille custar máis vir ó muxido. Nas ganderías con boas forraxes, pódese baixar de xeito progresivo a entre 6 e 7 quilos, para que non baixen á produción do leite e se adapten a ir ó robot”, indica Trillo.
Nunha semana, as primeiras vacas estaban xa adaptadas ó sistema de muxido robotizado de Lely
PUBLICIDADE
Nestas instalacións contan con baños de patas fixos de plástico e incrustados no chan que facilitan a súa limpeza e que “son moi recomendables”, como apunta a veterinaria. Dispoñen dunha área de separación, onde de xeito automático o robot se encarga de agrupar as vacas en celo e onde tamén poden apartar, de xeito manual, as vacas que estean enfermas.
Na granxa incorporaron outros sistemas automatizados, como un achegador de comida e unha amamantadora robotizada, onde programan as tomas do xatos, que se alimentan con leite en po e leite cru, procedente do robot de muxido.
Alberto recoñece que na Campa se decidiron por este robot pola confianza que lle ofrecía Lely. “Tiñamos un proxecto novo, con instalacións novas, novas razas e no muxido, que é fundamental para a gandería, quixemos apostar por Lely porque a súa traxectoria ofrecíanos maior seguridade”, concreta o gandeiro. De feito, aspiran a seguir a incrementar a capacidade desta granxa e concentrar os animais nestas instalacións e converterse nunha das ganderías robotizadas máis grande de Galicia.
O Lely Astronaut A5 incorpora melloras tanto no sistema de muxido como en benestar animal ademais de reducir custos de mantemento e ser máis fácil o seu uso. “A gran vantaxe que aporta é o fiable que resulta ó reducir o número de fallos”, apunta Alberto Sánchez, comercial de Lely. Recollemos algunhas das melloras máis destacadas:

O brazo híbrido é robusto e garante a integridade da vaca e facilita o muxido.
-Incorpora bloques modulares e un brazo híbrido co que reduce o emprego de sistemas de aire, substituídos por sistemas eléctricos. “O brazo híbrido é robusto, o que garante a integridade da vaca e, ó mesmo tempo absorbe as patadas e adáptase e calíbrase automáticamente, sen que sexa necesario que o gandeiro volva axustalo”, indica Sánchez. Este brazo híbrido máis flexible permite que “o primeiro muxido resulte moi fácil, xa que o brazo recoñece onde está a ubre” apuntan dende o servizo técnico.
-Consta dunha interface máis sinxela e intuitiva e que facilita o seu uso polo gandeiro.
–Redución de custos. Diminúen os consumibles, como as válvulas do aire, o que permite un abaratamento dos custos. Así, a bomba eléctrica non precisa de mantemento ata un ano e medio despois da instalación e o mantemento periódico realízase cada 4 meses. O modelo A5 consegue un aforro do 20% dos custos de enerxía eléctrica con respecto ó resto de modelos. “Pese a ser máis eléctrico, conséguese un maior aforro de enerxía”, detalla Sánchez.
-Conta cun sistema de autodiagnóstico que facilita a reparación das incidencias. “O 95% dos problemas que poidan xurdir resólvense por teléfono guiando ó gandeiro”, concreta Castro.

A gandería ten en muxido unhas 130 vacas Jersey.
A aposta da SAT A Campa, non se limitou só ó ámbito máis tecnolóxico senón que nos últimos 3 anos incorporou ó seu rabaño preto de 200 vacas Jersey nun afán de diferenciación. “En Galicia non podemos só competir co leite líquido, por iso apostamos por unha produción de máis sólidos e esta raza de vacas son máis eficientes, con menos comida conséguese maior produción de sólidos”, concreta o gandeiro.
Neste senso está tamén a apostar por inseminar estas vacas con Viking Jersey: “son vacas con máis saúde e calidade que o Jersey americano”, concretan dende Global Genetics, principal empresa suministradora do seme na gandería.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta