
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu este xoves o seu aviso fitosanitario, no que aconsella respetar as doses e os prazos nos tratamentos contra o mildeu no viñedo, unha patoloxía que debería remitir nos próximos días coa previsión de baixada das temperaturas.
Velaquí a situación fitosanitaria nos viñedos da provincia de Pontevedra:
Os técnicos de Areeiro informan de que “nas viñas tratadas da nosa rede e noutras moitas que imos revisando nos traxectos, observamos diferentes situacións, pero a maioría delas teñen aparentemente controladas as infeccións, e todo o máis apareceu algunha mancha moi dispersa na vexetación máis tenra”.
Non obstante, recoñecen que nalgunhas aínda se observa frutificación viable nalgúns acios e tamén nas follas, e noutras hai unha elevada proporción de acios afectados (superior ao 50% dos mesmos). “É normal debido á continuidade das contaminacións derivada dunhas condicións extremadamente favorables ao patóxeno, con noites cálidas e elevada humidade, e non sempre aos tratamentos”, recoñecen dende a Estación de Areeiro.
Neste sentido, a recomendación dos técnicos da Estación de Areeiro é a revisión constante das viñas para poder actuar a tempo de frear as infeccións no caso de que continúe a aparición de síntomas.
En canto ás previsións para os próximos días, informan de que “as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, o risco de infección debería ser menor nos días inmediatos debido ao descenso nas temperaturas mínimas e aos ventos de dirección dominante norte ou nordés, pero para a segunda metade da semana anuncian (a día de hoxe) novas precipitacións e subida de temperaturas mínimas, o que, de producirse, elevaría novamente o nivel de risco”.
Ademais, os técnicos lembran que “neste ano cobra aínda maior importancia, facer unhas aplicacións coidadosas, de calidade, e non superar as doses máximas das etiquetas nin aplicar volumes de caldo extremos, pois pode obterse precisamente o efecto contrario ao perseguido”. Asemade, insisten na necesidade de controlar a vexetación, tanto das vides como da herba para que o funxicida penetre de forma idónea na vide.
Polo que respecta ao oídio, dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro informan de que de momento non detectaron síntomas, pero subliñan que “estamos nunha etapa na que a uva é moi sensible, polo que o nivel de alerta debe ser máximo”.
Unicamente apreciaron evolución na presenza de síntomas en follas nunha viña abandonada da comarca do Condado, non así nas demais, tratadas ou testemuña sen tratamentos. “As condicións previstas a corto prazo non serán tampouco especialmente sensibles á enfermidade, aínda que por fenoloxía da uva si hai risco”, precisan.
Malia ter habido algúns días condicións de temperatura e de humidade favorables a este fungo oportunista, nin nos restos non desprendidos das flores, nin nos órganos necrosados polo mildio os técnicos da Estación de Areeiro detectaron o micelio do patóxeno.
Polo demais, informan, de que “as previsións climatolóxicas para os próximos días tampouco lle resultan favorables, polo que o risco será feble”.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta