O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia ISSGA lanza unha campaña informativa para previr os accidentes de traballo no sector forestal, en concreto por caída de árbores enriba do persoal traballador. A campaña faise en galego, castelán e romanés, dado o importante colectivo de Romanía que traballa no sector forestal galego
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia ISSGA, órgano técnico da Xunta en materia de prevención de riscos laborais, ven marcando o sector primario, en particular a actividade forestal, como obxecto prioritario das súas accións pola súa importancia económica e no tecido empresarial galego.
Neste ano 2023 unha das principais causas dos accidentes de traballo mortais é a caída dunha árbore enriba do persoal traballador; ademais, a maioría deles son traballadores estranxeiros, maioritariamente romaneses, xa que é un colectivo predominante neste sector.
Isto fai necesario fomentar a concienciación no sector sobre a perigosidade asociada a estes postos de traballo facendo un esforzo por chegar a todo o persoal traballador traducindo os documentos a aqueles idiomas predominantes nesta actividade como é o caso do romanés.
Neste sentido, o eixo principal da campaña informativa do IGGA está na prevención dos riscos laborais en dúas das operacións con maior risco nos traballos de aproveitamento forestais no monte como son a roza e tala, establecendo recomendacións preventivas de actuación ante árbores sentadas e apoiadas/enganchadas.
“É fundamental a formación e información do persoal traballador sobre os riscos máis habituais asociados a estas actividades e establecendo as medidas de protección e prevención asociadas á súa execución”, destacan dende o ISSGA.
A campaña vai dirixida tanto ás empresas como ao persoal traballador do sector forestal contando coa participación activa dos servizos de prevención propios, mancomunados e alleos nesta loita contra a sinistralidade mortal.
Referímonos a aquela árbore que unha vez que o motoserrista realizou os cortes para a súa corta polo pé non cae ao chan, quedando en pé sen iniciar a súa caída.
Nesta situación é importante:
Informar o resto de compañeiros en monte da existencia da árbore sentada. Indicar aos medios de axuda a dirección das vías de escape para a entrada e saída da árbore.
Nunca abandonar o monte deixando unha árbore sentada sen sinalizar. Aplicar todas as medidas necesarias ou solicitar axuda para abatelo.
Como recomendacións específicas ante unha árbore sentada aconséllase:
Realiza a secuencia correcta de cortes para a corta polo pé en función das características da árbore que se vai cortar. No caso de que sexa necesario, utiliza a(s) cuña(s) para asegurar que a espada da motoserra non se quede atrapada e para dirixir a caída da árbore cara á zona planificada.
Se a árbore non inicia a súa caída, toma a decisión máis axeitada á situación que se che presente:
-Se observas que podes cambiar a dirección da corta e estás seguro de que cortarás a árbore sen problemas cara a esa nova dirección, e dispós de novas vías de escape, realiza un novo corte a uns 10 cm como mínimo por enriba do primeiro na dirección escollida.
-Se observas que non podes cambiar a dirección da corta e que a árbore está asegurada, é dicir, que ten os cortes ben realizados respectando a bisagra obrigatoria e cunha/s cuña/s introducidas no corte de caída, podes saír da zona de influencia da árbore pola(s) vía(s) de escape sen perder de vista a árbore, pide axuda e informa ao resto de compañeiros do monte, e sinaliza a zona de influencia da árbore que está sentada cando sexa necesario. A entrada e saída a base da árbore, tanto para ti motoserrista como para os medios de axuda (p.e. maquinaria, peón etc.) realizarase polas vías de escape establecidas.
Ten en conta que se a árbore non está asegurada, permanecer na base á espera de que a árbore inicie a súa caída, avisando ao resto de compañeiros de tal situación de risco, é a situación máis segura para ti. Unha vez que inicia a súa caída, abandona a base da árbore sen perdela de vista e colócate nunha zona segura para non ser alcanzado
A árbore enganchada ou apoiada é aquela que está sostida por outras árbores próximas. Neste caso cómpre lembrar:
-Non se pode permanecer / transitar na zona de influencia da árbore enganchada/apoiada se non é para abatela de xeito
-Non cortar nunca unha árbore sobre a que hai outra enganchada/apoiada
-Non derrubar unha árbore sobre outra árbore enchanchada/apoiada
-Non gabear por unha árbore enganchada/apoiada para tentar baixada ao chan

Medidas de prevención xerais a ter en conta
En ambos documentos do ISGGA facilítanse as recomendacións xerais e específicas e a proposta e asunción de medidas correctoras e preventivas neste traballos incidindo no risco que supón unha árbore sentada ou apoiada/enganchada e na importancia de planificar, coordinarse e seguir un procedemento de traballo axeitado.
Algúns dos aspectos clave son:
-nunca traballar de xeito illado no monte
-observar o entorno da árbore para ver se hai obstáculos
-sinalización
-coordinación
-comprobación da dirección de caída natural da árbore
-procedementos seguros e axeitados
-identificación das vías de escape
-realización do corte de xeito seguro
-zonas de influencia de árbores enganchadas
-utilización doutros medios mecánicos, etc.
Os soportes dispoñibles son tanto en formato dixital como físico e cómpre destacar que están dispoñibles en galego, castelán e tamén en romanés, como consecuencia da importante incorporación de persoas traballadoras de Romanía nos últimos anos.
Deste xeito, dende o ISSGA facilitan a comunicación, a transmisión de información e o entendemento entre o resto de persoal traballador e coa empresa, cuestión que esta debe cuidar especialmente, tal como se pon de manifesto nos datos de sinistralidade laboral que reflicte o importante incremento nos accidentes de traballadores estranxeiros.
O número de exemplares dispoñibles para a súa difusión é de de 4.000 nos tres idiomas (500 en castelán, 1.500 en galego e 1.000 en romanés).
Os documentos técnicos foron elaborados polo grupo de traballo técnico de prevención de riscos laborais no sector forestal do ISSGA formado por persoal técnico do ISSGA, a entidade Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeira de Galicia), as empresas Ence e Finsa, que son referentes do sector da transformación da madeira en España, e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo por medio do servizo de prevención mancomunado LugoMadera.
Este grupo de traballo ten como obxectivo a elaboración de documentos técnicos formativos e informativos sobre condicións de traballo seguras que permitan sensibilizar e abordar a sinistralidade laboral nun sector estratéxico como é o forestal.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta