Lalín acollerá do 10 ao 12 de setembro o certame organizado por Fefriga, que elixe as mellores vacas, xatas e xovencas de Galicia. Tamén se distinguirá aos mozos e mozas preparadores e manexadores

Imaxe da edición do 2019, a última celebrada, do Concurso Autonómico de Fefriga
Os días 11 e 12 de setembro terá lugar nas instalacións do Lalín Arena, en Lalín, o XXIX Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga 2021, organizado pola Federación Frisona Galega e o Concello de Lalín, coa colaboración das Africores e a Consellería de Medio Rural.
Os fins que se perseguen coa celebración deste certame anual, que tivo que suspenderse en 2020 por mor do coronavirus, é estimular aos gandeiros na cría de animais de alta calidade xenética, capaces de producir leite e dar crías durante moitos anos, como medio de rendibilizar as súas explotacións; orientar aos criadores sobre as tendencias actuais de selección e mellora gandeira no ámbito internacional e formar aos mozos e mozas cara a unhas correctas e rendibles tarefas de selección, proporcionándolles coñecementos básicos para poder desenvolvelas con éxito.
Coma todos os anos, o Concurso de Gando, que premia ás mellores vacas, xatas e xovencas, servirá para poñer de manifiesto o alto nivel xenético e morfolóxico dos animais criados en Galicia e para promocionar as ganderías participantes para que desta maneira poidan ocupar un lugar destacado no mercado nacional e internacional de animais selectos.
A xuíza será Martine Lambot
Poderán participar neste certame todas as explotacións con animais que estén inscritos no Libro Xenealóxico da Raza Frisona, facendo a correspondente solicitude á Federación Frisona Galega. Os concursos serán xulgados por Martine Lambot, xuíza internacional da Asociación Holstein de Bélxica.
Dado o carácter de Concurso Autonómico só poderán participar animais nados en Galicia e propiedade de ganderías galegas. En todo caso, será condición indispensable que todos os animais concursantes estén inscritos no Libro xenealóxico da raza frisoa e a nome da gandería que os presenta, á data de admisión de solicitudes. Como data de referencia para o encadramento dos animales nas diferentes seccións do programa, tomarase o día 31 de agosto de 2021.
Só poderán participar animais nados en Galicia e propiedade de ganderías galegas
PUBLICIDADE
A entrada do gando realizarase o venres 10 de setembro de 2021 antes das 15:00 horas, non tendo dereito a entrar os animais que sexan presentados despois da citada hora. A autorización de entrada do gando nas naves realizarase previa presentación e comprobación da documentación sanitaria esixida (folla de saneamento da explotación e probas negativas de IBR e BVD).
A organización proveerá de peladores para todos os animais do concurso. Será obrigatorio o seu uso para todos os animais agás os que participen no concurso de preparadores, e o incumprimento desta norma acarreará a expulsión do animal en cuestión. Dispoñerase de peladores segundo a necesidade do concurso e a súa distribución será mediante sorteo.
Premios
A Federación Frisona Galega outorgará unha axuda por animal presentado ao Concurso Autonómico Fefriga 2021 de 100€ por xata e xovenca e 150€ por vaca. O mellor criador de xovencas levará 200 euros e o subcampión 100 e no caso do mellor criador e o segundo clasificado en vacas 400 e 200, respectivamente. Finalmente, a Xovenca Gran Campiona levará 600 euros e a Vaca Gran Campiona 1.000 euros.
As ganderías que presenten animais ao concurso recibirán unha axuda de 150€ por vaca e 100€ por xata e xovenca e o mellor criador de vacas levará 400 euros e o de xovencas 200
Xenética Fontao, patrocinador oficial do concurso, agasallará a todas as ganderías participantes con 5 doses de GALILEO. Ademáis, todas aquelas que participen con dous animais ou máis, recibirán 5 doses de SPORTING e 5 doses de KENT. Igualmente, a femia mellor clasificada en cada sección individual, filla dun touro de Xenética Fontao recibirá 100 euros no caso de becerras, 200 no caso de xovencas e 300 no caso de vacas.
Pódense consultar as distintas seccións do Concurso, así como os pormenores do seu desenvolvemento no Regulamento.


De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta