PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Primeira proba cun dron para sulfatar cultivos na Limia

Un agricultor de Xinzo, Amador Saborido, trata un cultivo de chícharos por medio dun vehículo aéreo non tripulado, que axiliza o traballo e evita os danos que causaría un tractor ó entrar no campo

Os drons están introducindo novas posibilidades de manexo na agricultura, como a aplicación de tratamentos aéreos de fitofortificantes. En Xinzo da Limia, un agricultor, Amador Saborido, vén de facer unha primeira proba con dron nunha parcela de 1,5 hectáreas de chícharo. A experiencia, a falta de comprobar o resultado do produto sobre o cultivo, é positiva.

Os beneficios do uso do dron son claros. “Afórrase tempo de traballo e evitas pasar co tractor pola parcela, co dano que iso sempre causa no cultivo”, explica Amador, que destaca tamén o menor consumo de auga: uns 16-17 litros de auga por hectárea co dron fronte ós 350 – 400 litros que consumiría co tractor.

O escaso consumo de auga débese a que a aplicación co dron faise a un ultrabaixo volume, pero o sistema semella non estar reñido coa eficacia. “Molla ben, mesmo coloquei nos regos pegatinas de test das que se utilizan para comprobar os equipos fitosanitarios e aparecían ben marcadas pola pulverización do dron”, indica Amador, que está á espera de que pasen os días para comprobar a efectividade do tratamento.

PUBLICIDADE

Normativa de tratamentos aéreos
Un dos problemas actuais do dron é que o seu uso está equiparado pola lexislación co emprego dunha avioneta. Pese a que o dron ten incluso menos deriva de produto que un tratamento convencional con pulverizador, a súa utilización está polo de agora restrinxida. Tanto un vehículo non tripulado como unha avioneta considéranse tratamentos aéreos, o que limita moito os produtos que se poden aplicar sen necesidade de autorizacións especiais. “No noso caso, tiñamos un ataque de oídio no cultivo de chícharos, e en lugar de tratar cun funxicida, que sería o habitual, empregamos un bioestimulante”, sinala Amador.

“Eu son partidario de tratar o menos posible. Por exemplo, na pataca practicamente xa eliminamos o uso do herbicida coa práctica do alomado, pero aínda é necesario dar algún funxicida e unha pasada contra o escarabello”, valora.

O agricultor xestiona arredor de 50 hectáreas, adicadas en boa parte a trigo, a pataca e a millo. Hai 3 anos, xa foi un dos pioneiros na comarca da Limia na introdución do rego por goteo para as patacas e o millo. Coa utilización do dron para tratamentos, que xestionou a través da empresa lalinense Aerocámaras, é tamén pioneiro na comarca nun sistema ó que lle augura futuro.

“É un invento que me parece moi bo. Vírao pola tele e levaba un par de anos buscando o xeito de introducilo” -sinala Amador-. “A única pega que ten é que por agora o prezo de contratar un tratamento con dron é bastante máis alto que se contratas o mesmo tratamento con tractor. Pode rondar o dobre, pero se se extendese a súa utilización, está claro que baixarían os prezos e penso que podería ser competitivo”, apunta.

PUBLICIDADE

Na Limia, Amador sinala que, polo de agora, os agricultores que coñeceron a súa experiencia son reacios ó dron, principalmente polo prezo, aínda que tamén extraña o feito de que o dron poida facer tratamentos efectivos con tan pouca cantidade de auga, en comparación coas aplicacións tradicionais con tractor. “Hai que experimentar e comprobar o resultado. É o mellor xeito de sabelo”, defende Amador, que valora extender esta primeira proba a máis tratamentos noutros cultivos.

Nota: Vídeos cedidos pro Aerocámaras.

Ver todas as noticias de agricultura

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *