O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) ten a disposición da cidadanía unha guía sobre “Prevención de riscos laborais durante o embarazo e a lactación no sector agrario”
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), ten a disposición da cidadanía unha guía sobre “Prevención de riscos laborais durante o embarazo e a lactación no sector agrario”. Estes son os puntos clave a ter en conta para reducir os riscos para a saúde das mulleres:
Como punto de partida hai que ter en conta que o embarazo supón unha serie de cambios na muller cuxo obxectivo é asegurar a supervivencia e o axeitado desenvolvemento do fetol. Malia ser un proceso fisiolóxico, o certo é que algúns destes cambios poden limitar a capacidade funcional da traballadora grávida e a súa tolerancia a determinadas condicións da contorna laboral.
Os cambios máis relevantes da muller embarazada maniféstanse a nivel circulatorio, no peso corporal, na postura e no equilibrio, na lasitude ligamentosa e na frecuencia urinaria.
Durante o posparto a muller presenta cambios tales como molestias urinarias, cansazo, alteracións emocionais, falta de sono, incontinencia urinaria que poden limitala na realización das súas tarefas.
E no período de lactación a traballadora pode ter molestias a nivel físico coma sensibilidade nos seos, presenza de gretas ou mastite; dificultades para a produción de leite por substancias químicas ou por condicións de traballo estresantes; inconvenientes á hora de poder compatibilizar a xornada laboral coas tomas, así como no desenvolvemento daquelas tarefas nas que existan axentes nocivos que se poidan transmitir por contacto ou polo leite materno.
-Calor ou frío extremos:en xeral considéranse situacións ambientais con posible risco para o embarazo aquelas nas que a temperatura é maior de 28°C ou menor de 10°C.
Como medidas preventivas aconséllase:
• Empregar roupa de traballo adecuada á temperatura.
• Non realizar traballos en lugares ou momentos do día con altas ou baixas temperaturas.
• Beber líquidos con frecuencia.
A exposición a ambientes ruidosos no traballo é prexudicial para a embarazada e para o feto. A protección da nai non elimina o risco para o feto.
Medidas preventivas:
• Evitar os ruídos molestos e intensos.
• Se non pode evitar o ambiente ruidoso, reducir o tempo de exposición, cambiar o momento de realización da tarefa ou trocala con outra persoa.
Estar exposta ás vibracións cando se utilizan tractores, colleitadoras, empacadoras, debulladoras, sementadoras, pas mecánicas, etc. e no manexo de equipos manuais como motocultores, motoserras, rozadoiras, etc. que pode ser prexudiciais para o embarazo. Como medidas preventivas suxírense:
• Evitar ou reducir o seu uso sempre que se poida.
• Vixiar o estado das ferramentas ou maquinaria agrícola que se vaia utilizar.
A exposición a campos electromagnéticos, ultravioletas, infravermellos, radiofrecuencia, microondas e ultrasóns poden ter efectos adversos para o embarazo e o feto. Como medidas preventivas aconséllanse:
• Evitar a exposición durante o embarazo e a lactación.
Ao realizar traballos en altura, en chans esvaradíos, ao traballar entre animais, usar ferramentas e maquinaria agrícola, etc., pódense sufrir accidentes que che causen lesións á muller e ao feto.
Medidas preventivas:
• Evitar os traballos sobre superficies elevadas, inestables ou escorregadizas.
• Evitar as tarefas nas que se poida recibir golpes.
• Tentar non circular por terreos irregulares e conducir a baixa velocidade, sen freadas ou sacudidas fortes.
Algúns produtos químicos poden ser perigosos para o embarazo e a lactación natural. Entre estes encóntranse os canceríxenos, os mutáxenos, os tóxicos para a reprodución, os alteradores hormonais e os neurotóxicos que se poden atopar en praguicidas, deterxentes, disolventes, etc.
Medidas preventivas:
• Ler a etiqueta e a ficha de datos de seguridade dos produtos que se empreguen, onde informan se é perigoso para mulleres embarazadas ou para a lactación natural. É preciso fixarse nas frases R ou H que indican perigo para o embarazo e a lactación.
• Se é perigoso, é necesario cambialo por outro que non o sexa se é posible, e senón seguir as medidas preventivas que indica o fabricante do produto.
• Traballar con ventilación axeitada para reducir a concentración ambiental de partículas coma o po e a néboa, vapores e gases perigosos.
• Usar equipos de protección individual (EPI) axeitados e en bo estado.
• Gardar e lavar por separado a roupa de rúa e a de traballo.
• Coidar a hixiene persoal durante o traballo e nunca comer, beber ou fumar se se están a manipular produtos químicos.
Algunhas enfermidades infecciosas contraídas durante o embarazo poden producir danos no feto. Transmítense polo contacto con animais, produtos de abortos ou partos, estercos, xurros, augas residuais, solos e materiais contaminados por virus, bacterias, endoparásitos…, coma por exemplo, a Brucella abortus, a Listeria monocytogenes e o Toxoplasma gondi.
Medidas preventivas:
• Realizar ás inspeccións sanitarias aos animais.
• Evitar o contacto con animais enfermos ou mortos, coas súas placentas ou outros tecidos e cos materiais contaminados, esterco e xurros.
• Eliminar os residuos biolóxicos de forma axeitada.
• Empregar equipos de protección axeitados: luvas, máscara, roupa e calzado.
• Gardar e lavar por separado a roupa de traballo e a de rúa.
• Seguir normas de hixiene persoal, lavar as mans con frecuencia.
• Limpar e desinfectar os lugares e os materiais de traballo.
Sobre os riscos ergonómicos, as posturas forzadas que se manteñen durante moito tempo poden resultar daniñas para a embarazada e o feto, por exemplo, cando se traballa de crequenas, axeonllada, sentada, de pé ou co tronco inclinado.
Medidas preventivas:
• Realizar cambios posturais frecuentes.
• Realizar pausas para descansar ao longo da xornada laboral.
• Utilizar roupa e calzado cómodos.
• Recoméndase usar medias de compresión venosa
A manipulación manual de cargas e a aplicación de forza ao arrastrar ou empurrar poden producir danos á traballadora grávida e durante a lactación debido aos cambios fisiolóxicos propios deste estado, como é o aumento de volume do abdome que dificulta o manexo das cargas.
Medidas preventivas:
• Evitar aquelas manipulacións que supoñan un risco de sufrir golpes a nivel do abdome.
• Durante os seis primeiros meses de embarazo:
– Se o manexo de cargas é reiterado, o peso máximo recomendado é de 5 quilos.
– Se o manexo de cargas é intermitente, o peso máximo recomendado é de 10 quilos.
• A partir do sétimo mes de embarazo, evitar a manipulación manual de cargas.
Os riscos psicosociais tamén poden influír negativamente no embarazo e na lactación:
Estes riscos tamén poden influír negativamente no embarazo e na lactación:
– No caso de traballadoras do campo hai que ter en conta o horario de traballo, as xornadas prolongadas, o ritmo de traballo imposto pola tarefa, o gran volume de traballo en determinadas épocas do ano, o estrés derivado dos investimentos, do uso de novas tecnoloxías, o aumento da burocracia, e as posibles perdas económicas.
– No caso de traballadoras forestais: illamento, inestabilidade laboral, problemas para conciliar a vida laboral e familiar, etc.
Medidas preventivas:
• Evitar as xornadas prolongadas. Tentar facer unha xornada diaria igual ou menor de oito horas.
• Evitar a sobrecarga de traballo, reducir o volume e o ritmo.
• Realizar pausas máis longas e frecuentes.
• Procurar ter un asento ou apoio axeitado cando se realizen tarefas de pé.
• Adoptar medidas que permitan a conciliación da vida laboral e familiar.
• Evitar situacións de estrés.
• Favorecer as condicións axeitadas para a lactación.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta