PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Os mellores carballos de Galicia implantaranse en Santa Comba, Chantada e Trasmiras

O proxecto de selección do carballo da Fundación Juana de Vega e do Centro de Investigación Forestal de Lourizán culminará este outono inverno coa plantación de tres parcelas públicas

Carballos de 18 meses en viveiro, nunha visita da Fundación Juana de Vega e do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

O proxecto de selección do carballo galego, iniciado hai un par de anos, culminará este outono inverno coa plantación de tres parcelas nos concellos de Santa Comba (A Coruña), Chantada (Lugo) e Trasmiras (Ourense). A iniciativa, encabezada pola Fundación Juana de Vega e polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, busca crear campos de ensaio nos que conservar e mellorar os recursos xenéticos da especie.

O proceso para identificar e conservar o material xenético dos mellores carballos galegos iniciouse no 2015. Nas 11 carballeiras selectas que hai catalogadas na comunidade, os investigadores seleccionaron os exemplares que presentaban mellores condicións e procederon a recollida das súas landras. Esas landras plantáronse en viveiro, en colaboración co Centro Forestal Rías Baixas (Vilaboa, Pontevedra) e co viveiro Costa de Lóngaras (Abadín, Lugo).

Recollida de landras nunha carballeira selecta.

Recollida de landras nunha carballeira selecta.

O paso seguinte é seleccionar nos sementeiros dos viveiros as árbores que presentan mellor crecemento e morfoloxía, pois eses serán os exemplares que se implantarán este outono – inverno en tres parcelas públicas, cedidas para o proxecto polo Banco de Terras. As tres fincas suman algo máis de 2,5 hectáreas entre Santa Comba (9.500 metros cadrados), Trasmiras (9.968) e Chantada (6.959 metros cadrados).

PUBLICIDADE

Os carballos disporanse nestas parcelas cunha alta densidade, a fin de facilitar o seu crecemento. Posteriormente faranse claras e deixaranse os exemplares que presenten mellor comportamento en campo. Cando estas árbores sexan adultas, poderán servir a súa vez de hortosementeiros de material cualificado ou controlado, o de maior nivel xenético.

Fomento do uso do carballo
A iniciativa é un primeiro paso para facer unha selección xenética do carballo galego coa idea de fomentar o seu uso, tanto en fincas privadas como en parques e xardíns públicos. Nesa liña, as plantas de carballo que xa foron cultivadas nos viveiros colaboradores e que finalmente non se implanten nas carballeiras públicas, poderán ser comercializadas libremente polos propios viveiros, que poderán ofrecer así un material de categoría seleccionada.

Ver todas as noticias de forestal

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *