
O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) recibiu este venres o XIX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado polo grupo empresarial Aresa e a Universidade de Santiago (USC), que nesta súa décimo novena edición fai un recoñecemento explícito ao impulso que está a experimentar a agricultura ecolóxica en Galicia, ao tempo que pon o foco no importante labor que está a desenvolver o Craega, un órgano que coa súa acción de apoio e asesoramento ás pequenas empresas contribúe á súa viabilidade económica, axuda a fixar poboación no medio rural e promove formas de traballo e de produción respectuosas co medio ambiente, segundo destaca a organización do certame.
O presidente do Craega, Francisco López Valladares, foi a encargado de recoller o galardón, dotado con 10.000 euros en metálico e placa conmemorativa, no transcurso dunha cerimonia presidida polo reitor da USC, Antonio López Díaz, e na que tamén interviñeron o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o director xeral de Capsa Food, Armando Tellado, e o ex director Xeral de Agricultura da Comisión Europea José Manuel Silva Rodríguez, quen ofreceu o relatorio ‘A produción ecolóxica. Dun mercado testemuñal a unha tendencia irreversible’, unha intervención na que subliñou que “a evolución do mercado e da produción ecolóxica foi radical”.
O reitor Antonio López Díaz, salientou na súa intervención que “iniciativas como a do Premio Aresa sirven para revitalizar a conexión da USC coa sociedade”. López trasladou tamén os seus parabéns ao presidente do Craega, así como a todos os produtores e consumidores de alimentos ecolóxicos, ao tempo que reiterou o agradecemento da institución académica ao presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, por ter activado xunto coa USC unha exitosa iniciativa que supera a maioría de idade.
“As bases do Premio Aresa concordan en gran medida coas pretensións e coa formación e investigación que desenvolve a USC na súa sede luguesa, nun Campus Terra que trata de agromar esforzos en docencia e I+D arredor do aproveitamento dos recursos da Terra e da mellora da calidade de vida das súas xentes”, sinalou López, quen tamén tivo palabras de eloxio para o resto de candidaturas presentadas á presente edición do certame, dado que “son todas un gran exemplo da posta en valor do rural”, dixo.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta