Dende o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) informan das principais novidades desta campaña á hora de solicitar as axudas da PAC
Algo máis de 27.000 gandeiros e agricultores galegos poderán solicitar ata o 30 de abril as axudas da PAC 2020. O orzamento previsto para esta convocatoria elévase aos 216 millóns de euros, dos cales 170 millóns corresponden aos pagamentos directos da PAC e máis de 46 millóns de euros a medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).
Dende o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) informan das principais novidades desta campaña á hora de solicitar as axudas da PAC:
En virtude dun funcionamento efectivo e áxil de xestión, e para favorecer unha introdución gradual na administración electrónica que esixirá a nova PAC, as resolucións individuais estarán dispoñibles nos expedientes electrónicos de cada solicitante a través do Portal de Axudas PAC da web do FOGGA e da aplicación para o móbil SGA APP.
Unha das principais novidades para esta campaña é facilitar a transparencia, o acceso á información e á interacción dos beneficiarios na xestión das súas solicitudes. Neste sentido mediante descarga no móbil haberá dúas aplicacións específicas:
• SGA APP para que os solicitantes consulten as solicitudes presentadas, declaracións gráficas, controis, cálculo de axudas e estado dos expedientes.
• SGA FOTO co obxectivo de remitir ao FOGGA fotografías xeorreferenciadas cando sexa necesario (alegacións ao SIXPAC, monitorización…).
Os solicitantes que presenten alegacións ao SIXPAC en recintos que impliquen un cambio de uso en Pastos Permanentes deberán aportar 2 fotografías xeorreferenciadas porque a nova PAC esixirá un papel máis activo do beneficiario para demostrar que cumpre cos requisitos de admisibilidade.
Na campaña 2019, Galicia incorporouse a un novo sistema de control coñecido como “monitorización” sendo a única comunidade autónoma da cornixa cantábrica en participar neste proxecto que foi supervisado pola Comisión Europea en outubro de 2019.
A monitorización consiste en utilizar as novas tecnoloxías e as imaxes de satélites e drons para realizar un seguimento do 100% das superficies e do 100% das solicitudes, e determinar se existe actividade agraria.
Para introducir paulatinamente o futuro sistema de control, que será obrigatorio para a nova PAC, nesta campaña o FOGGA estenderá a monitorización aos concellos de Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Paderne de Allariz, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo, da provincia de Ourense; e de Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Forcarei, da provincia de Pontevedra.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta