O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a convocatoria de axudas do IGAPE para o acceso a financiamento das explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas e sarabiadas deste ano, así como para as explotacións produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas pola sarabia.
Poderán acceder ás liñas de financiamento previstas nestas bases as pequenas e medianas empresas, incluídos os autónomos, cooperativas, sociedades civís ou comunidades de bens, dos sectores anteriores e que se visen afectados polas xeadas ou sarabiadas deste ano.
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto regular o contido e procedemento de tramitación de dúas liñas de financiamento bonificado dirixido ás explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas dos días 27 e 28 de abril de 2017, ás explotacións produtoras de pataca, cereal e horta afectadas pola sarabia do día 6 de xullo de 2017 e ás explotacións produtoras e transformadoras de uva, castañas e de froiteiras afectadas polas sarabiadas do día 27 de agosto de 2017, co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira.
Os apoios poderán materializarse a través de dúas liñas:
Liña 1. Refinanciamento de pasivos.
Liña 2. Apoio ao circulante.
Esta nova liña de axudas para préstamos bonificados ten un importe de 1.000.000,00 €, para o exercicio 2018.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado no Igape comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 28 de febreiro de 2018.
As entidades financeiras deberán comunicar ao Igape a súa decisión sobre a concesión da operación financeira, ata o 26 de marzo de 2018.
Unións Agrarias advirte de que “0 90% dos viticultores quedan fóra destas axudas”
Pola súa parte, o sindicato Unións Agrarias denuncia que esta nova liña de axudas “non vai supoñer ningunha mellora para situación dos produtores porque é un calco da anterior”.
“O igual que na anterior convocatoria, na que se habilitaban 500.000 euros, despois de ter comprometido o titular da Xunta 10 millóns de euros, (…) no caso da viticultura, só as adegas encaixan coa personalidade xurídica que marca para os requisitos dos solicitantes e non así o 90% dos viticultores das catro denominacións de orixe afectadas, que teñen esta actividade como complemento e polo tanto non figuran como autónomos”.
Neste sentido, desde a organización agraria esíxese “transparencia para coñecer o destino do medio millón de euros da anterior convocatoria que acabou no peto de solo 13 solicitantes, o cal dá que pensar que non foron agricultores os destinatarios das axudas para cubrir os xuros dos créditos de refinanciamento”.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta