O fabricante europeo aposta pola agricultura circular con este novo tractor que se alimentará do metano producido polas propias explotacións. Dixitalización e servizos posventa conforman outros dous eixos estratéxicos da marca

O tractor que circula co metano producido polas propias granxas xa deixou de ser un prototipo para convertirse nunha realidade no mercado, o T6 Methane Power, que sairá á venda na segunda metade do 2020, probablemente en torno ó mes de xullo, segundo desvelaron esta semana en FIMA Agrícola os responsables de New Holland. O fabricante europeo, que copa un 25% do negocio agrícola en España coas súas marcas New Holland, Case IH e Steyr, centra as súas estratexias de cara ó futuro na redución de emisións das súas máquinas, na dixitalización e na aposta polos servizos posventa.
O presidente de New Holland a nivel mundial, Carlo Lambro, puxo como exemplo do camiño da marca as novidades técnicas de New Holland premiadas en FIMA, como a accesibilidade de datos multiplataforma, unha solución adoptada por CNH Industrial, a matriz de New Holland, xunto con outras marcas punteiras do sector, como Claas e John Deere. “O noso obxectivo é ser a marca de agricultura máis aberta e mellor conectada”, subliñou Lambro.
En Zaragoza, New Holland presentou unha oferta na que destacou o T6 Methane Power, emblema dos combustibles alternativos; e outras tres máquinas: a empacadora Big Baler HD, coa que a marca declara buscar a “excelencia” na recolección de forraxes; o tractor T5 Dynamic Command, unha gama media polivalente recomendada para explotacións gandeiras e que destaca pola súa transmisión; e por último o tractor T4 FNV, enfocado a cultivos especiais coma os froiteiros.
Sobre o tractor T6 Methane Power, que iniciará a súa comercialización a mediados de ano, a marca ten boas previsións no curto prazo para mercados como o alemán, onde están moi extendidas nas explotacións as plantas de biogas, que xeran metano a partir dos residuos gandeiros e de biomasa.
Para España, as previsións son tamén positivas, se ben é probable que o tractor T6 Methane Power gañe peso de cara ó futuro, cando se extenda máis no país a produción de biogas nas granxas. “Estamos tendo reunións con empresas de servizos e profesionais do sector e hai moito interese”, valora a marca.
Balance 2019 e retos 2020 en España
O director xeral de New Holland para España, Riccardo Angelini, fixo en FIMA un repaso polo balance da marca no 2019 e polas perspectivas para o 2020. En canto ó balance, en tractores New Holland situouse en España na segunda posición en cota de mercado, sendo a primeira marca en tractores especiais, cunha cota do 21%, e a segunda en tractores de alta potencia (13,7%) e en gama media (17,9%).
En colleitadoras, a marca ocupou tamén a segunda posición, cun 27,5% de cota de mercado; en tanto en empacadoras xigantes foi a marca líder, cun 37% das vendas. En rotoempacadoras, ocupou a cuarta posición, cun 11%, e en vendimiadoras de viñedo e olivar liderou o mercado, cun case monopolio total en olivar.
De cara ó 2020, a marca prevé un mercado estable no que buscará prestar especial atención ás demandas dos distintos sectores, que teñen en común puntos como a esixencia de rapidez no servizo, profesonalidade, implantación de novas tecnoloxías e conectividade.
En apeiros, a marca continúa consolidando a súa liña de apeiros propios (arados, segadoras, hileradoras, etc.) en colaboración coa súa cadea de concesionarios. “Temos unha integración cada vez maior. O noso obxectivo é que a nosa liña de apeiros represente un 30% das vendas de apeiros dos nosos concesionarios”, sinalou Angelini, que incidiu en que tódolos seus concesionarios manteñen libertade para continuar traballando con outras marcas de apeiros.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta