Un grupo de 42 persoas realizou unha viaxe a Portugal, con visitas ó centro de investigación da compañía, ós seus viveiros e plantacións forestais, e á planta de papel de Figueira da Foz

Navigator vén de organizar unha viaxe a Portugal para que propietarios forestais e técnicos do norte de España coñezan como traballa todo o seu ciclo forestal e industrial. Navigator, con factorías de pasta, papel e tisú en Portugal e España, mantén relación cotiá con propietarios e empresas forestais do norte de España, pois a firma ten alugadas máis de 1.500 hectáreas de monte para plantacións de eucalipto na Cornisa Cantábrica, ademais de abastecerse aquí de madeira para as súas factorías.
Unha delegación de 42 persoas, propietarios forestais e técnicos do norte de España participou recentemente na viaxe organizada por Navigator a Portugal, na que se visitou o centro de investigación da firma, os viveiros da empresa, plantacións de eucalipto en monte e o complexo industrial de Figueira da Foz.
Navigator destaca por xestionar todo o ciclo produtivo, desde a investigación para lanzar novos clons e híbridos de eucalipto ó mercado ata a produción do papel que chega ó consumidor.
Este é un resumo dos puntos visitados durante a viaxe a Portugal, de tres días de duración:
Puidéronse ver os materiais xenéticos (híbridos) nos que está traballando RAIZ, así como os biofertilizantes ou o monitoreo de masas forestais con drons. O estudo dos terreos forestais antes da plantación, cun laboratorio adicado á análise de solos, é outro dos servizos que lle presta o centro á división forestal de Navigator.
Unha segunda liña de traballo de RAIZ está na parte industrial, na que abordaron os diferentes produtos de tisú, papel, embalaxes, envases alimentarios ou biocombustibles nos que traballan.
A visita pechouse cun percorrido pola Quinta de San Francisco, na que se atopa o centro de investigación, que conta con máis de 350 especies, das que 80 son diferentes variedades de eucalipto. É un dos maiores arboretos de eucalipto fóra de Australia, sendo visitado por máis de 7.000 estudantes ó ano.
Figueira da Foz destaca por ser un complexo que realiza tanto a primeira transformación da celulosa como a elaboración do produto final, é dicir, é un proceso integrado. Isto permítelle gañar en eficiencia enerxética e industrial, pois a planta traballa en cadea e a celulosa transfórmase directamente en papel, sen ter que pasar por un proceso de secado e posterior dilución.
Unha parte do equipo do viveiro, Miguel Ferrinho, Carmen Correia y Ana Barros, presentaron a xestión que se fai no viveiro e realizaron unha visita de 3 horas pola área de pés nai dos clons e híbridos que alí se producen. Os técnicos explicaron os procesos de mini estaquillas e macro estaquillas que seguen para multiplicar os eucaliptos e os propios visitantes puideron practicar eles mesmos a técnica do estaquillado.
Para finalizar a visita, pasouse pola área de planta ornamental de Navigator e polas adegas de produción de viño propio da empresa.
Navigator conta con catro complexos industriais en Portugal e cun en España (Zaragoza). Recentemente, ademais, adquiriu a maior empresa de tisú do Reino Unido. Navigator é lider europeo en produción de pasta e de papel de oficina (UWF) e é o segundo maior produtor de tisú da Península.
Xunto coa parte industrial, a compañía tamén é a empresa forestal con maior superficie xestionada na Península Ibérica, con máis de 109.000 hectáreas. En total, Navigator emprega a preto de 3.500 persoas e comercializa os seus produtos en máis de 130 países.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta