PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Mobilización polo rural este domingo en Santiago

Organizacións agrarias, forestais e do mundo da caza e da pesca protagonizan unha convocatoria que agardan masiva en demanda dun recoñecemento á labor económica e medioambiental que desenvolven no rural

Arredor de medio cento de colectivos agrarios, forestais e do mundo da caza e pesca protagonizarán este domingo unha mobilización en Santiago baixo o lema ‘Creamos natureza e vida no rural: Non somos o problema, somos a solución’. Os participantes congregaranse ás 11 horas na Alameda e farán un percorrido ata a Praza da Quintana, onde se lerá un manifesto a favor do mundo rural.

Os convocantes, que fan un chamamento á participación da sociedade galega, destacan que as súas actividades contribúen a fixar poboación e a crear riqueza no rural para mantelo vivo e activo. O acto concíbese como unha chamada de atención contra o abandono e como un acto de reinvindicación do rural, se ben os organizadores precisan que “non vai contra ninguén”.

“Se persiste o abandono, é cuestión de tempo unha catástrofe social e medioambiental”

PUBLICIDADE

“A mobilización, que non é contra ninguén, xurde en resposta ao abandono que está a sufrir o mundo rural. Cómpre que a sociedade tome conciencia de que se persiste o abandono do rural galego, só é cuestión de tempo unha catástrofe social e medioambiental. Por iso, os organizadores da marcha convidamos a todos os partidos políticos a participar nesta iniciativa, para amosar que se trata dunha reivindicación dunha vida digna e dun futuro próspero para o mundo rural”, explican os convocantes en nota de prensa.

Á frente da organización do acto, que aglutina a medio cento de colectivos, destacan entidades como Unións Agrarias, o Clúster da Madeira, a Asociación Forestal de Galicia ou a Mesa Galega pola Caza.

Tamén houbo significativos desmarques, como o da IXP Castaña de Galicia, que está de acordo no fondo do acto pero que discrepa con algunha das entidades convocantes sobre o sitio que lle corresponde ó eucalipto no monte galego. “Non é certo que o abandono do rural se solucione plantando eucaliptos, como teñen manifestado representantes da cadea da madeira”, valoran desde a IXP, que tamén precisa que “no rural hai sitio para todos”.

Outro colectivo que se desligou da protesta é a Asociación Agraria de Galicia (antiga Asaja – Xóvenes Agricultores), que expresa dúbidas similares e pregúntase cales son os obxectivos reais da protesta.

PUBLICIDADE

Máis información
Decálogo en defensa do mundo rural dos convocantes da manifestación.

Ver todas as noticias de desenvolvemento rural

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *