A industria mantén contactos con cadeas de distribución para recuperar a liña de fileteado de Ternera Gallega. O xerente da empresa, Carlos Cebrián, subliña a súa vontade de aportarlle valor engadido ós gandeiros

A sala de despece que ocupara a extinta Artesanos Gallegos de la Carne volveu á actividade esta semana da man de Megaro Foods, a firma catalana que adquiriu a instalación na subasta concursal por 1,6 millóns de euros. Esta primeira semana de reapertura foi de adaptación do persoal, 25 traballadores, e de inicio dos traballos de procesado da carne, coa perspectiva de ir collendo rodaxe para xestionar en breve unhas 300 toneladas mensuais, a metade de vacún e outra metade de ovino.
O traballo da planta iniciouse con vacún maior e ovino, se ben a industria mantén tamén contactos con cadeas de distribución para recuperar a liña de fileteado de Ternera Gallega en bandexas, na que estaba especializada a sala de despece de Castro de Ribeiras de Lea. Polo de agora, Megaro Foods traballa con vacún maior, tanto frisón como de razas cárnicas, e con ovino que trae de Extremadura, con perspectivas en gran medida na exportación a países árabes e á área do Caribe.
Nos últimos meses, a empresa acometeu a ampliación do túnel de conxelación da planta, así como a creación dunha cámara de conservación de produto conxelado con capacidade para 600 toneladas. Esas obras, xa culminadas, oriéntanse principalmente a servir ós mercados estranxeiros, en tanto para o mercado estatal tamén traballará con produto en fresco.
Colaboración cos gandeiros
O xerente de Megaro Foods, Carlos Cebrián, subliña que a filosofía da empresa sitúase en aportarlle “valor engadido” ós gandeiros. “Non queremos ser uns simples intermediarios. Queremos ser unha empresa de servizos desde ó gandeiro ó consumidor. A nosa idea é favorecer un valor engadido para o gandeiro polo seu traballo e tamén ofrecerlle ó consumidor un prezo competitivo”, destaca Cebrián.
“Queremos aportarlle un valor engadido ó gandeiro e un prezo competitivo ó consumidor” (Carlos Cebrián)
Preguntado por posibles acordos de suministro con cooperativas ou grupos de gandeiros en Galicia, o xerente de Megaro Foods sinala que se atopa na fase de establecer contactos e relacións. “Estamos traballando desde a serenidade e a tranquilidade. O noso traballo non consiste nun ‘sprint’ senón nunha carreira de fondo. Co tempo, queremos estar máis próximos ó gandeiro”, valora.
En canto á posibilidade de traballar tamén con ovino galego na planta -actualmente mércao en Extremadura-, Cebrián sinala que está aberto á colaboración cos produtores galegos. En Galicia, o sector ovino está enfocado á cría de cordeiros e cabritos de calidade, orientados a mercados de proximidade, co caso paradigmático do selo ‘Pastores de Galicia’, promovido por Ovica, pero a planta de Castro de Rei representa tamén unha opción para canalizar as ovellas de desvelle.
Na actualidade, tratantes e carniceiros procesan parte das ovellas de desvelle de Galicia en Castilla y León pola falta de matadoiros galegos con autorización para procesar os Materiais Específicos de Risco (MER) do ovino de desvelle.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta