
Lestedo (Boqueixón) celebra este domingo, día 1 de marzo, a súa tradicional Festa da Filloa, que este ano acada a 37 edición. A cita, declarada Festa de Galicia de Interese Turístico, combina a exaltación da filloa cun dos atractivos do Entroido da Ulla, os atranques dos Xenerais.
A xornada festiva arrancará ás 12.00 horas coa Parranda de Entroido e a animación musical de Pirilampo, Estralampo e Luz do Ilicino. A continuación, ás 12.30 horas, terá lugar o V Gran Desfile de Xenerais da Ulla, no que se agarda a participación de medio cento de xenerais procedentes de distintos concellos. Ás 13.30 horas, o xornalista Pablo Portabales, encargarase do pregón, nun acto presentado pola televisiva María Mera. A mañá pecharase coa sesión vermú da man de Tania Veiras e cunha degustación de filloas no campo da festa, que estará cuberto cunha carpa.
Pola tarde, a partir das 17.30 horas, os Xenerais da Ulla volverán cos seus atranques e ás 18.30 horas comezará a verbena coas orquestras Gran Parada e París de Noia.
Á marxe dos actos do domingo, a filloa estivo a ser protagonista tanto en Boqueixón como noutros puntos próximos nos días previos á festa. Así, ó longo desta pasada semana, dende o luns 24 e a ata o sábado 29 celebráronse as Xornadas Gastronómicas da Filloa, nas que sete establecementos hostaleiros de Boqueixón ofreceron tapas salgadas e doces elaboradas con filloas.
A programación previa tamén incluíu degustacións de filloas entre os días 20 e 29 no centro comercial El Corte Inglés, en Santiago. Ademais, recoñecidos cociñeiros como Yayo Daporta e Roberto Filgueira elaboraron catro propostas coa filloa como ingrediente principal nunha degustación celebrada no mercado gastronómico Boanerges, en Santiago.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta