Buscan alternativas de madeira fronte ós elementos actuais fabricados a base de plásticos e polímeros. Procuran así novos usos que permitan xerar maior valor na industria forestal

Ábrense novos usos para a madeira, desta vez como elemento de mitigación acústica. Este xoves dábanse os primeiros pasos no Consello da Xunta coa sinatura do convenio entre a Universidade de Vigo e a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
A iniciativa inclúe unha investigación enfocada ó estudo das alternativas para utilizar a madeira en elementos dedicados a illamento acústico en infraestruturas de transporte. Estas actuacións buscan abrir un novo uso e un novo mercado á madeira, propoñendo unha solución ambientalmente máis sustentable que as actuais, baseadas en plásticos e polímeros. O emprego da madeira nestes elementos é ademais unha aposta por un material natural, reutilizable, reciclable e procedente de montes xestionados de xeito sustentable.
O acordo busca seguir poñendo en valor novos usos da madeira desde a innovación e favorecer a demanda de madeira local, permitindo incrementar o seu valor, á vez que se beneficia o medio rural.
Ademais da investigación, o convenio contempla impulsar a construción dun proxecto demostrativo no campus de Pontevedra. Empregarán as solucións seleccionadas e estudarán alternativas de integración con elementos vexetais. Tamén teñen previsto realizar un protocolo de seguimento do ensaio, así como xornadas divulgativas e cursos de formación para transferir o coñecemento obtido ó sector industrial.
A iniciativa, que ten un orzamento de 258.762,20 euros, un 86% a cargo da Xunta, está incluída nos obxectivos da Axenda de Impulso da Industria Forestal, que busca tanto impulsar novos produtos como apoiar a transferencia de coñecemento para a creación de novas actividades económicas e a diversificación produtiva.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta