Dekalb, marca líder en sementes de millo e integrada na multinacional Bayer, celebrou este mércores en Santiago de Compostela unha xornada de entrega dos premios da segunda edición do concurso Dekalb+Silo, que organiza para premiar ás gandarías de vacún de leite que lograron mellores rendementos na campaña 2022.
Uns 50 profesionais do sector, entre gandeiros e técnicos, déronse cita na entrega de premios deste certame, do que Marcial Costoya, Territory Sales Manager de Bayer para a Cornixa Cantábrica, Galicia e León, salientou a súa elevada participación, con 83 gandarías de Galicia, Asturias e Cantabria. As colleitas de millo de 2022 estiveron condicionadas pola forte seca estival, que reduciu os rendementos, polo que estes galardóns teñen se cabe máis valor.
O concurso Dekalb+Silo ten como obxectivo dar máis valor a lograr un silo de millo de calidade. Estes son os premiados nas dúas categorías nas que se estruturou:
1) En colleita: Premios para as mellores calidades de mostras en verde medido en litros de leite por tonelada de materia seca de millo forraxeiro logradas:
Primeiro premio (1000 euros): Para a gandería de Juan José Cortizas Blanco. Logrou 1889 litros de leite/tonelada de materia seca cun millo Dekalb DKC 4621, , un ciclo 300 de altas produccións.
Segundo premio (600 euros): Gandaría Vila de Santaia SL, de Curtis (A Coruña). Logrou 1863 litros de leite/tonelada de materia seca tamén cun millo Dekalb DKC 4621
Terceiro premio (400 euros): Gandaría Batalla SC, de Rois (A Coruña). Logrou 1860 litros de leite/tonelada de materia seca cun millo Dekalb , igualmente coa variedade DKC 4621.
2) En silo: Premios para as mellores producións medidas en litros de leite por hectárea. Para iso tomouse unha mostra do silo e cubicáronse os silos, expresando o resultado en litros de leite por hectárea logrados polo millo ensilado, premiando ás mellores producións segundo o ciclo de millo.
-Ciclo curto (1000 euros): Gandaría Toxeiro, de Cospeito (Lugo), que logrou 39235 litros de leite por hectárea cun DKC 4071, un ciclo 280.
-Ciclo medio (1000 euros): Gandaría de Pablo Sánchez Arias, de Palas de Rei (Lugo), que logrou 36337 litros de leite por hectárea cun DKC 4598, un híbrido de ciclo 300 de Dekalb.
-Ciclo longo (1000 euros): Gandaría Gasalla, de Frades (A Coruña), que logrou 44245 litros de leite por hectárea cun DKC 5911, unha variedade de ciclo 500 longo.
Ademais da entrega de premios, a xornada organizada por Dekalb tamén serviu para coñecer as últimas novidades sobre estudo da dixestibilidade da fibra e do almidón, e o seu impacto na eficiencia na produción en ganderías de vacún de leite, un relatorio que foi impartida por Ángel Ávila, experto consultor para ganderías de vacún de leite.
A continuación, Marcos Garcia e Lorena Pérez, asesores agronómicos de Dekalb para Galicia, presentaron un informe sobre como está a afectar o cambio climático ao cultivo do millo en Galicia, tomando como base os datos meteorolóxicos das estacións de Fontecada (Santa Comba) e Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei). “Os resultados amosan que dende o 2015 necesitamos 7 días menos para a maduración do millo na zona do Xallas e 15 días menos na Terra Chá a consecuencia do incremento das temperaturas, e iso deberíanos levar tamén a facer cambios na elección dos ciclos e nas datas de sementeira e de colleita”, apuntou Marcos García. Pola súa parte, Lorena Pérez, expuso unha serie de estratexias que poden seguir os gandeiros para reducir o impacto do cambio climático na produción de millo forraxeiro.
Por último, Anxo Valiño, responsable do departamento de desenvolvemento de mercado de Bayer para a Cornixa e Castela e León, presentou as últimas novidades do catálogo de millo de Dekalb, así como os beneficios que nos aporta a agricultura de precisión, onde Bayer ofrece de forma gratuíta a súa aplicación FieldView, que nos permite monitorear a evolución dos cultivos de millo a nivel de parcela.
A xornada organizada por Dekalb rematou cunha conferencia de Montserrat Vázquez, delegada comercial de Bayer para Galicia, que explicou as claves para o manexo sustentable de produtos fitosanitarios, especialmente herbicidas, durante o cultivo de millo.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta