
O programa “Da Escola á Granxa” de Medio Rural da Deputación de Lugo estreouse cunha gran acollida por parte da comunidade educativa. Concluído o prazo de solicitudes – aberto do 4 ao 30 de maio- a área de Medio Rural recibiu peticións para 73 actividades en proxectos de emprendemento no rural: ganderías, producións agrícolas e pequenas empresas agroalimentarias.
A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade Mónica Freire valorou “a boa resposta a esta primeira edición do programa que pon en valor os produtos de proximidade e a importancia do sector primario de cara ás novas xeracións, nenas e nenos de infantil e primaria, aos que están dirixidas as actividades propostas. Con esta oferta formativa pretendemos recuperar a autoestima da figura do agricultor, gandeiro, pastor, do fornecedor de alimentos de calidade excepcional e de proximidade. Nos tempos actuais comezamos a entender que a soberanía alimentaria non é unha opción, e coa rede de visitas queremos trasladar estes valores ás nosas fillas e fillos.”
O programa pretende consolidarse no tempo como un complemento práctico para os nenos de educación infantil de toda a provincia, que deste xeito poderán coñecer o manexo de animais centrado no benestar animal das ganderías extensivas, obradoiros de elaboración de alimentos ou actividades ligadas ao coñecemento da contorna e á educación ambiental.
A convocatoria está dirixida ás asociacións de nais e pais, que recibirán achegas entre 300 e 600 euros para financiar a participación nas diferentes actividades solicitadas durante o ano 2022. A área de Medio Rural da Deputación inviste un total de 40.000 euros neste programa co que pretende tamén contribuír a consolidar unha oferta de recursos e servizos educativos arredor do sector primario e visibilizar referentes no rural.
“Da Escola á Granxa” ofrece un amplo abano de actividades por parte dun total de 25 produtores e entidades de distintos ámbitos do sector agrícola e gandeiro – desde o cultivo de froitas ou produtos de horta, ata castañas, mel, ovos, leite e carnes de vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar- que abrangue toda a provincia, dende a Mariña, pasando pola montaña: Ancares e Courel, ata chegar as zonas interiores da Ulloa e Terra Chá, para rematar na zona Sur
A este respecto, Mónica Freire detallou que “as preferencias dos solicitantes son moi diversas, polo que se configurará un calendario de actividades distribuído por toda a provincia para achegar aos máis pequenos a realidade dun sector que innova e que desenvolve un papel fundamental no dinamismo económico e social e na conservación do territorio das distintas comarcas”.
Os obradoiros de creación de hortos e sementeiros de Adega, as visitas a ganderías de extensivo, a empresas dedicadas a produción de alimentos a pequena escala ou a cultivos novos no territorio -como setas ou froitas tropicais- foron as propostas máis demandas polas anpas.
A concesión das subvencións terá que ser refrendada pola Xunta de Goberno e publicada no Boletín Oficial da Provincia, de xeito actividades se desenvolverán no inicio do curso que ven, dentro da actual anualidade.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta