PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Está a agricultura demasiado subvencionada?

A Comisión Europea calcula que os ingresos medios de agricultores e gandeiros, tendo en conta a suma de axudas e ingresos da explotación, son inferiores ós salarios medios do conxunto de traballadores en 26 dos 28 países da Unión

Os ingresos dos agricultores mantéñense por baixo dos salarios medios na maioría dos países. Gráfico divulgado pola Comisión Europea na súa proposta da PAC post-2020 e elaborado pola DG Agri con datos do periodo 2011-13.

Existe unha opinión maioritaria na cidadanía de que a agricultura está demasiado subvencionada. Na consulta pública sobre a Política Agraria Común (PAC) que fixo este ano a UE, o 53% das persoas non ligadas co agro manifestou que as axudas directas ó campo non son necesarias. Esa percepción, que se considera no sector froito do descoñecemento, levou á Comisión Europa a incorporar un enfoque pedagóxico sobre as axudas ó agro na súa proposta para a PAC post-2020.

Para amosar a situación real do agro, a Comisión comparou en cada país os salarios medios por traballador do conxunto da economía cos ingresos medios das explotacións agrarias, tendo en conta no agro a suma dos ingresos de cada produtor e das axudas. O resultado é que en 26 dos 28 países da Unión Europea, España entre eles, os agricultores e gandeiros cobran menos que a media dos traballadores. Só houbo dous países, República Checa e Estonia, nos que os ingresos dos profesionais do agro superan ós dun traballador medio.

O sistema de axudas da PAC trata de manter o atractivo da actividade agraria, pois a falta de relevo xeneracional no campo é un problema en toda Europa

PUBLICIDADE

En España, a diferenza non é excesiva, pero en países como Alemania ou Dinamarca, un agricultor gaña a metade dun traballador medio. Desde esta perspectiva, a Comisión defende a continuidade dun sistema forte de axudas públicas ó agro como vía para reducir o oco entre os ingresos dos gandeiros e os ingresos medios dos traballadores.

Trátase así de manter o atractivo da actividade agraria, pois unha das cuestións que preocupa en Europa é a dificultade de promover o relevo xeneracional. Case o 80 % dos profesionais do agro na UE superan os 45 anos, un problema que se rexistra con distinta intensidade na maioría de países e sectores.

Seguridade alimentaria, prezos e medioambiente
A Comisión lembra que da agricultura depende a seguridade alimentaria de 500 millóns de europeos. Sinala ademais o papel das axudas á hora de manter baixos os prezos dos alimentos nos supermercados, pois sen a actual Política Agraria Común, os prezos de mercado terían que ser outros necesariamente. Parte dos agricultores, arredor dun 20%, tampouco están a favor das axudas directas, pero defenden no seu lugar a necesidade duns ingresos máis altos polas súas producións.

Sen a PAC, os prezos de mercado dos produtos agrarios serían outros

PUBLICIDADE

Por último, a proposta para a PAC post-2020 destaca a importancia medioambiental da agricultura, que xestiona aproximadamente a metade da terra da UE. Ese papel da agricultura en relación á conservación do medio si que é valorado a nivel cidadán. De feito, a Comisión apunta que un 92% das persoas non ligadas co agro está de acordo en que se promova unha produción máis respetuosa co medio ambiente e que permita mitigar o cambio climático.

En base a esa demanda cidadá, a Comisión quere concederlle gran peso á cuestión medioambiental na PAC a partir do 2020. O debate entre os ministros de Agricultura dos Estados membro xa comezou e espérase unha maior concreción de propostas e de presupostos ó longo dos dous próximos anos. Dáse por feita unha baixada do presuposto comunitario para a PAC, entre outras cuestións pola saída de Gran Bretaña, pero queda aínda por ver de que nivel é esa baixada e en canto afecta ás explotacións galegas e do resto de España.

Ver todas as noticias de desenvolvemento rural

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *