A sétima edición do monográfico forestal Galiforest, que se está a celebrar desde este xoves ata o sábado no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), resaltou hoxe a importancia da biomasa dentro do sector forestal con actividades dedicadas especialmente a esta área de negocio.
O evento incluíu a celebración dos primeiros Premios Biomasa Galega, unha iniciativa do Clúster da Biomasa de Galicia. Francisco Álvarez, presidente do clúster, foi o encargado de abrir o acto, mentres que Jacobo Aboal, director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), clausurou o evento. Os premios recoñeceron o traballo de diversas entidades e persoas no avance cara a unha industria máis sostible, destacando a Luis Ortiz Torres na traxectoria investigadora e a empresas como Nutrimentos Deza e a Compañía Española de Algas Marinas polas súas iniciativas de descarbonización. Tamén se lle fixo un recoñecemento honorífico a Ignacio Lema, primeiro director de XERA, e ó Concello de Portas, como mellor iniciativa pública local en biomasa.
O resto dos galardóns foron o Premio á Traxectoria Empresarial no Campo da Calefacción con Biomasa, para José Carlos Alonso, da empresa Ecoforest; o Premio á Aposta pola Biomasa na Administración Autonómica á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e o Premio ao Impulso sectorial da Biomasa por parte da Administración a todo o equipo da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), representado polo seu director, Jacobo Aboal, Mercedes Rois e Isabel Puentes.
Ademais, no marco do certame, realizouse unha xornada técnica sobre a certificación da sustentabilidade da biomasa, organizada polas Asociación Española da Biomasa (Avebiom) e o Clúster da Biomasa de Galicia. Nela, expertos como Pablo Rodero de Avebiom e representantes de empresas do sector como Biomasas Forestais do Cantábrico e Ecowarm, discutiron sobre a importancia do sistema SURE, líder europeo en certificación da sustentabilidade da biomasa, mostrando ademais exemplos prácticos da súa aplicación.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta