A compañía pasteira continúa co seu proxecto das Pontes, que terá a reciclaxe de papel como materia prima básica. Agarda que estea en marcha no 2027
Ence Pontevedra afronta desde este luns e ata o 5 de xullo a súa parada técnica anual. Durante esta parada, a compañía ten previsto investir 15 millóns de euros en melloras de eficiencia, dixitalización e sustentabilidade. Para os traballos, espérase a participación de 1.800 operarios adicionais aos empregados habituais da factoría.
A compañía pasteira destaca que a parada técnica anual é un momento clave para optimizar non só a súa produtividade, senón tamén a “excelencia medioambiental” e aspectos de seguridade laboral.
Nova factoría nas Pontes
Doutro lado, a empresa continúa dando pasos no proxecto de montar unha planta nas Pontes, que se suministrará principalmente con materia prima para reciclar (papel, cartón, téxtiles). O conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenares, argumenta que existe tensión de suministro no mercado de madeira como materia prima, polo que considera acertada a decisión de decantarse por unha factoría que se abastecerá de materia prima para reciclar, en combinación con celulosa de Ence (Pontevedra ou Navia).
O obxectivo é que a planta estea en marcha no 2027. Ence ten previsto investir 125 millóns de euros e dar emprego nela a 120 persoas. A factoría adicarase a elaborar produto final transformado, a diferenza da planta de Ence Pontevedra, que só fai a transformación da madeira en pasta de celulosa.
Sen embargo, é previsible que unha vez que a continuidade da factoría de Pontevedra semella garantida, Ence acometa alí novos proxectos. Nunha recente entrevista, Ignacio Colmenares aseguraba que estaba prevista en Pontevedra a elaboración de envases alimentarios, segundo declarou a ‘El Economista’.
En canto ó proxecto das Pontes, a compañía xa pechou un acordo para a compra de terreos nos que se ubicará a instalación, o antigo parque de carbóns de Saá, e logrou que a Xunta catalogase a instalación como Proxecto Industrial Estratéxico, o que permitirá axilizar diversas tramitacións.
Prezos do pasta de papel
Sobre os prezos da celulosa, o conselleiro delegado de Ence recoñece a tendencia á baixa, con prezos actuais que rondan os 1.050 dólares por tonelada de pasta, pero cre que a baixada tocará solo proximamente en arredor de 950 dólares, para logo repuntar.
A respecto dos proxectos das compañías pasteiras en Galicia, cómpre lembrar que segue en curso o proxecto de Altri para Palas de Rei, orientado a poñer en marcha unha planta de fibras téxtiles.
Polo de agora, a iniciativa non tivo acceso a fondos europeos Next Generation, pois o Goberno de España argumenta que a solicitude de apoios non se fixo “de forma correcta” e que é preciso buscarlle encaixe nos “criterios e requisitos que marca a Unión Europea”. Para esta semana, está prevista unha reunión técnica do Ministerio de Industria con Altri, a fin de buscar solucións.
A compañía lusa aspira a recibir 250 millóns de euros de cartos públicos, cun investimento total que se prevé de 800 millóns de euros.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta