PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

E-monte, unha plataforma online para a venda de madeira

Nace en Galicia unha iniciativa empresarial para facilitarlle ós propietarios forestais a comercialización da súa madeira. O sistema permite ofertar lotes de xeito sinxelo e recibir propostas das empresas interesadas

1
Captura de pantalla da web de E-monte.

A comercialización da madeira é unha cuestión sensible para o propietario forestal. Con frecuencia, factores como o minifundio ou o descoñecemento do sector dunha parte dos propietarios, que hoxe en día residen en zonas urbáns, dificultan o proceso de venda. Co obxectivo de facilitar a compra-venda de madeira, naceu esta primavera en Galicia unha plataforma online, E-monte, que lle permite ós particulares ofertarlle lotes ó conxunto de empresas do sector.

O funcionamento do sistema é sinxelo. Todo o proceso resúmese en catro pasos.

1. Rexistro na plataforma e incorporación da finca
O propietario ten que rexistrarse na web e incorporar o nome da finca ou fincas, con indicación da referencia catastral, superficie e as especies principais que ten, sinalando de xeito aproximado a idade das árbores. Logo ten que confirmar se quere vender por lote (un prezo fixo pola madeira de toda a parcela) ou por tonelada.

PUBLICIDADE

Para resolver calquera dúbida, ten tamén un teléfono de contacto coa plataforma a súa disposición.

2. Colocación dun cartel na finca
A plataforma envíalle un cartel ó propietario, que deberá colocarse de xeito ben visible na finca. A parcela ademais deberá ter os marcos claros e sinalizados. Recoméndase tamén que o titular faga fotos da parcela para subilas á plataforma.

3. Recepción de ofertas
As empresas compradoras de madeira inscritas en E-monte, unha trintena a día de hoxe, reciben a alerta da oferta. Se lles interesa o lote, poden visitar a parcela para facer unha valoración e, posteriormente, presentar a través da plataforma unha proposta económica de compra da madeira. A empresa sabe en todo momento en que posición está a súa oferta, de xeito que se outra empresa fixese unha oferta superior, pode optar por subir a súa proposta.

O propietario sinala o prazo de recepción de ofertas, que normalmente é dun mes. Durante ese tempo, non ten que facer máis nada. As empresas poden chegar á finca grazas ás indicacións GPS que lles ofrece a propia plataforma.

PUBLICIDADE

4. Venda da madeira
Rematado o prazo de oferta, o propietario coñece cal é a oferta máis alta que se presentou polo seu lote e pode decidir se vender ou non a madeira. En caso de venda, o servizo é gratis para o propietario, en tanto a empresa abónalle á plataforma o 1 por cento do valor da transacción. Se o propietario decide non vender a madeira, terá que abonarlle á plataforma unha penalización de 30 euros.

Víctor Rivas, promotor de E-monte.

Víctor Rivas, promotor de E-monte.


Vantaxes

E-monte, a plataforma de compra-venda de lotes de madeira, comezou a funcionar esta primavera e xa pechou as súas primeiras operacións. O seu promotor é Víctor Rivas, un emprendedor que deseñou o proxecto coa idea de facilitarlle o traballo tanto a propietarios forestais como ás empresas. “Hai moitos propietarios que herdan as fincas e saben que as teñen e onde están, pero descoñecen canto vale a madeira ou como vendela. E-monte ofrécelles unha solución a ese problema”, destaca Víctor.

“Hai moitos propietarios que herdan as fincas, pero descoñecen canto vale a madeira ou como vendela” (Víctor Rivas)

PUBLICIDADE

Á hora de vender a madeira dunha parcela, o habitual viña sendo que o propietario lle ensinase a finca a varios compradores da súa zona (aserradoiros, fragueiros, etc.) en busca do mellor prezo. A plataforma permítelle despreocuparse dese proceso e ofertarlle ademais a madeira a un número de compradores máis amplo. “Se o sistema funciona no mercado inmobiliario, por que non vai funcionar no forestal”, pregúntase Víctor.

As vantaxes da plataforma son tamén claras para as empresas. E-monte é un punto de concentración da oferta que lles facilita acceso áxil a lotes de toda Galicia que poidan ser do seu interese. O portal ofrece tamén normalmente un prazo de presentación de ofertas suficientemente amplo (un mes) para que as empresas poidan visitar a finca no intre que mellor lles veña, de cara a reducir desprazamentos e custos.

“Se o sistema funciona no mercado inmobiliario, por que non vai funcionar no forestal”, pregúntase o promotor de E-monte

Os primeiros meses de funcionamento da plataforma están a ser positivos. “Temos unha acollida boa, tanto por parte dos propietarios como das empresas, que ademais xa participaran no proceso de deseño da ferramenta”, explica Víctor Rivas. “E-monte está pensado principalmente para propietarios urbáns, pero está aberto a todos os propietarios forestais, incluidas as comunidades de montes. Estamos vendo que esperta tamén un especial interese en persoas que están na emigración e non teñen tempo para estar aquí e xestionar a venda da súa madeira”, apunta.

Condicións
O único requisito para que o propietario suba a súa oferta á plataforma é que a finca a cortar teña unha superficie arborada mínima de arredor de 3.000 metros cadrados. “Púxose en contacto con nós un propietario que quería vender a madeira dunha parcela de 79 metros cadrados, pero con esa dimensión non é viable que unha empresa poida estar interesada en destinar tempo e persoal a valorar a madeira”, conta Víctor a modo de anécdota.

A oferta mínima da madeira a cortar debe rondar os 3.000 metros cadrados

Cando se incorpora unha oferta, pódese sinalar tamén se urxe ou non a venda da madeira, pois en procesos de concentración parcelaria ou en caso de querer replantar, o titular da parcela pode estar interesado en vender do xeito máis rápido posible. Tamén se poden precisar outras condicións, como a trituración ou retirada dos restos forestais.

Contrato
Se se pecha a operación de venda a través da plataforma, E-monte facilítalle a comprador e vendedor un contrato tipo que sinala as condicións da operación e os prazos. A empresa é a encargada de solicitar os permisos de corta e, unha vez logrados, defínese un prazo de corta que oscila normalmente entre 1 e 3 meses. O pago faise por anticipado e de xeito directo entre a empresa adxudicataria do lote e o propietario, sen intervención da plataforma.

Rematada a operación, o propietario poderá valorar a súa satisfacción co traballo da empresa, unha valoración que será visible para os futuros ofertantes de madeira que reciban unha proposta da mesma empresa.

Plan de xestión forestal

O portal E-monte nace co obxectivo principal de facilitar a compra-venda de madeira, pero de cara ó futuro proxecta ampliar a súa oferta para os propietarios forestais. “Unha vez que o propietario corta, o obxectivo é ofrecerlle a opción de elaborar un plan de empresa para as súas parcelas forestais, con indicación das posibles especies a plantar, con valoración dos custos e mesmo coa petición de presupostos”, apunta Víctor Rivas.

“Trátase de facilitarlle ó traballo ós novos propietarios urbáns e que o monte non quede abandonado”, valora. A páxina está a implementar tamén un directorio de empresas forestais para que as persoas interesadas poidan ter unha guía áxil de contactos do sector.

Ver todas as noticias de forestal

Publicacións relacionadas

Unha resposta a “E-monte, unha plataforma online para a venda de madeira”

  1. Fernando di:

    Me parece una iniciativa muy interesante y que hace mucha falta para, desde el punto de vista del propietario, poder poner en valor la madera que tiene en las fincas. Espero que muchas empresas y propietarios se apunten a usar la plataforma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *